Compartir

Compártao :

A Xunta aposta por un novo modelo de orientación laboral aberta a través das novas tecnoloxías

Actualizado o: 18 outubro 2019 18:01
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe na presentación do programa de formación en orientación laboral aberta, enmarcado nos cursos que o Consorcio para o desenvolvemento de aplicación de xestión universitaria realiza co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria

A Axenda20 contempla unha mellora do servizo de orientación tanto para as persoas demandantes de emprego como para as empresas para o que reforza a formación continua do persoal técnico

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2019.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe na presentación do programa de formación en orientación laboral aberta, que se enmarca na sexta edición dos cursos de introdución, posgrao e avanzados que o Consorcio para o desenvolvemento e aplicación de xestión universitaria celebra co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

No acto, o director xeral destacou a aposta do Goberno galego por impulsar un novo modelo de orientación laboral aberta que achegue o servizo aos usuarios tanto de xeito presencial como a través das novas tecnoloxías.

Tal e como explicou, a Axenda20 contempla, entre os seus obxectivos prioritarios, a mellora do servizo de orientación tanto para as persoas demandantes de emprego, como para as empresas. Para conseguilo é necesario reforzar a formación continua do persoal técnico.

Así, trabállase nun novo modelo de orientación laboral aberta, más centrada na atención personalizada co apoio do uso das TIC como ferramenta tanto para o traballo en rede como para a mellora das competencias e o acceso aos últimos recursos para o persoal de orientación, como no referente á relación e interacción coas persoas orientadas na súa busca de novas oportunidades de emprego.

O director xeral puxo en valor o importante labor dos profesionais da orientación laboral xa que xogan un decisivo papel na capacidade de Galicia para crear emprego de calidade e reter talento.