Compartir

Compártao :

A Xunta destaca que a aposta pola produción de madeira de coníferas de alto valor xerará novas oportunidades para o sector forestal galego

Actualizado o: 18 outubro 2019 18:32
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe, en Ponteareas, no curso ‘Silvicultura de coníferas para a produción de madeira de alto valor’

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de formación da industria forestal impulsada polo Goberno galego dentro da que se vén de resolver a orde de axudas para a realización de 130 accións formativas ao longo deste ano 2019

A Administración autonómica está fomentando a madeira local como elemento de construción nos seus edificios públicos

Ponteareas (Pontevedra), 18 de outubro de 2019.- O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Ponteareas no curso Silvicultura de coníferas para a produción de madeira de alto valor, onde destacou que apostar nesta dirección xerará novas oportunidades para o sector forestal galego, xa que este tipo de madeira está vendo incrementada a súa demanda nos mercados de maior valor e prestixio como elemento estrutural das súas edificacións.

O curso enmárcase na Estratexia de formación da industria forestal impulsada pola Xunta e dentro da que se vén de resolver a orde de axudas para a realización dun total de 130 accións formativas ao longo deste ano 2019.

Na súa intervención, o director de Xera destacou que o Goberno galego está realizando un importante esforzo para xerar valor na cadea monte industria e tamén para impulsar a construción utilizando madeiras locais.

Así, puxo como exemplo o convenio con Pemade para a caracterización de especies forestais galegas e elaboración de fichas técnicas que poidan ser usadas por prescritores; a colaboración coa Universidade de Vigo para o uso de madeira nas súas infraestruturas; ou o fomento da construción pública en madeira como no caso das fiestras na remodelación do edificio administrativo de San Caetano, na Escola da Galiña Azul da Baiuca (na Estrada), ou do centro de saúde da Laracha.