Compartir

Compártao :

Ourense acolle un curso da Xunta de prevención de accidentes nos traballos en altura

Actualizado o: 09 outubro 2019 13:58
Fonte de información: Xunta de Galicia

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu esta mañá á acción técnica enmarcada nunha campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)

O obxectivo é promover coñecemento para un traballo seguro e, deste xeito, diminuír a sinistralidade laboral neste tipo de traballos e contribuír a un emprego de maior calidade
 

Ourense, 9 de outubro de 2019.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá, en Ourense, na xornada sobre prevención de accidentes nos traballos en altura organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).

Trátase dunha xornada técnica na que os asistentes recibiron información sobre os accidentes laborais por caídas de altura en Galicia; a importancia da prevención de riscos laborais e, en concreto, nos traballos en cubertas; así como a importancia da innovación na formación e concienciación neste tipo de traballos no sector da construción e a súa realización segura.

A xornada forma parte da campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) de prevención de accidentes nos traballos en altura e continuará coa celebración de xornadas en Lugo (10 de outubro) e A Coruña (11 de outubro). A formación compleméntase con accións de sensibilización e reparto de material informativo, así como actividades formativas dirixidas a autónomos e pequenas e medianas empresas.

Tal e como subliñou a secretaria xeral, o obxectivo é promover coñecemento para un traballo seguro e, deste xeito, diminuír a sinistralidade laboral e contribuír a un emprego de maior calidade. A acción enmárcase na Estratexia de seguridade e saúde no traballo ata 2020.