Compartir

Compártao :

A Xunta destaca en Narón que a Axenda da industria forestal busca impulsar a bioeconomía como motor de competitividade

Actualizado o: 17 setembro 2019 13:56
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destaca nun encontro co sector que os obxectivos desta folla de ruta son abrir novos mercados e crear novos produtos, incorporar a innovación ás tarefas de elaboración e tratamento, e mellorar a profesionalización dos traballadores a través da formación

Esta Axenda permitirá reforzar os sectores estratéxicos da economía galega e priorizar a sustentabilidade en ámbitos como a construción ou a sanidade

Narón (A Coruña), 17 de setembro de 2019.- O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, presentou hoxe nas instalacións da empresa Cándido Hermida en Narón a Axenda da industria forestal, unha folla de ruta deseñada conxuntamente entre a Administración e os actores protagonistas do eido (empresas e centros de coñecemento) para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade.

Esta Axenda recoñece o gran potencial que posúe Galicia como referente forestal (noveno a nivel continental), así como o seu impacto directo na economía galega, empregando a preto de 80.000 familias e representando o 2% do PIB autonómico.

Deste xeito, a execución desta Axenda mobilizará 125 millóns de euros ata 2021, axudando a 350 pemes no seu desenvolvemento e ofrecendo formación a máis de 5600 persoas con dous obxectivos fundamentais: un aumento do 6% na facturación (acadando 200 millóns ata cifrar os beneficios en 2400 millóns de euros) e xerando empregos directos ou indirectos relacionados co sector, ata alcanzar os 21.000 postos de traballo. Esta aplicación prioriza a dinamización económica e do entorno rural, buscando xerar empregos que permitan tamén a fixación de poboación.

A posta en marcha desta Axenda busca prestixiar esta industria posibilitando novos mercados e o acabamento de novos produtos, incorporando as tecnoloxías específicas máis avanzadas e mellorando a formación dos traballadores do sector para garantir a súa profesionalización, definindo vantaxes que permitan ao tecido empresarial gañar en competitividade.

Sectores específicos

O desenvolvemento desta Axenda busca trasladar o emprego útil da madeira a sectores potencialmente valiosos da economía galega, principalmente a construción. Deste xeito, a Axenda contempla as vantaxes de traballar pola construción sostible, con novos modelos de produción que acurten os tempos de construción, creen novas ventás laborais ou avalen a eficiencia enerxética, a insonorización e a sensación de confort.

A este respecto, a Xunta busca un labor exemplarizante con varias accións en marcha, incluíndo as fiestras de madeira no edificio administrativo de San Caetano, a madeira de carballo empregada na escola infantil A Baiuca (A Estrada), ou a ampliación do centro de saúde na Laracha.

Ademais, a Axenda busca extrapolar esta filosofía a sectores estratéxicos como o naval, o téxtil ou a automoción impulsando a cooperación con foros sectoriais e intersectoriais, facilitando a inmersión monte-industria, e desenvolvendo novos produtos comúns como pode ser vehículos máis lixeiros. Outro sector de interese para a Axenda é o do contract, mellorando o mobiliario doméstico e o interiorismo dos fogares, e que tivo unha facturación de 300 millóns só no ano pasado.

Para acadar estes obxectivos, a Axenda determina dous vértices clave: a innovación e a formación. No tocante á innovación, a folla de ruta valora as novas tecnoloxías cun punto máis que simple valor engadido, e potencia a consolidación de redes colaborativas para fomentar novos métodos de tratamento.

En canto á formación, está considerada na Axenda como un punto indispensable de cara á implementación da competitividade, así como da retención de talento. Deste xeito, a folla de ruta aspira a incorporar 10 deseñadores industriais e 20 enxeñeiros e arquitectos a empresas do sector forestal e da madeira, prorrogando o esforzo ao traballo realizado pola Xunta en canto a formación. Isto inclúe máis de 950 persoas participando en cursos formativos desde 2017 (que contaron con máis de 3,5 millóns de investimento por parte da Administración).

O director de Xera, Ignacio Lema, chamou á implicación de todo o sector para dar respostas ás verdadeiras necesidades da industria, marcando como gran reto a lexislatura do rural, e apelando a unha Galicia máis verde, máis innovadora, máis preparada e con maior competitividade.