Compartir

Compártao :

Galicia e China avalían novas oportunidades de negocio no eido da maquinaria industrial no marco da feira Mindtech

Actualizado o: 11 setembro 2019 11:30
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse cunha delegación de empresas do país asiático encabezada pola Cámara de Comercio China para a Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos (CCCME)

A iniciativa enmárcase dentro do memorando de colaboración firmado o ano pasado entre a Xunta e a CCCME para afianzar a relación comercial entre ambos mercados

Acordan abrir novas oportunidades para as empresas galegas e chinesas a través do desenvolvemento dunha plataforma para o intercambio de información e do apoio á participación das compañías en feiras do sector industrial
 

Vigo, 11 de setembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse cunha delegación de empresas encabezada pola Cámara de Comercio China para a Importación e Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos (CCCME) para avaliar novas oportunidades de negocio no eido da maquinaria industrial.

A xuntanza celebrouse no marco da feira Mindtech e dentro do memorando de colaboración firmado entre a Xunta de Galicia e a CCCME en novembro de 2018 co obxectivo de afianzar as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático, o que a converteu na primeira Comunidade autónoma en asinar un acordo destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes de China, que agrupa máis de 10.000 empresas.

Na reunión, á que asistiron representantes de empresas relacionadas coa automoción, o naval, maquinaria e enerxía, fundamentalmente, acordouse desenvolver unha plataforma de intercambio de información que facilite ás compañías todos os datos precisos que lles permitan identificar oportunidades de investimento no eido da maquinaria industrial tanto en Galicia como en China. Ademais, determinouse manter a colaboración actual para ofrecer ás empresas galegas e chinesas a oportunidade de asistir ás feiras que se organicen nestas rexións co obxectivo de darlles unha maior visibilidade e establecer novos contactos comerciais.

Galicia continúa, polo tanto, traballando por abrir novos mercados e novas oportunidades de negocio ás empresas galegas, así como pola captación de novos investimentos. Con esta reunión refórzanse as relacións bilaterais entre ambas as dúas economías. De feito, as exportacións galegas a China medraron, durante o pasado ano 2018 un 6,7% e un 28,9% durante o primeiro semestre de 2019.