Compartir

Compártao :

A Xunta colabora coas universidades galegas na posta en marcha de cursos de formación especializada en orientación laboral

Actualizado o: 11 setembro 2019 10:32
Fonte de información: Xunta de Galicia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Consorcio para o desenvolvemento de aplicación de xestión universitaria de Galicia (CIXUG) organizan estas accións, nas que poderán participar ata 120 persoas

O primeiro en botar a andar será o curso de posgrao en especialización en orientación laboral, no que se formarán 60 persoas a partir do próximo venres e que é un título propio da Universidade da Coruña

As persoas interesadas poden aínda inscribirse no curso de iniciación á orientación laboral aberta, que comezará o 20 de setembro, e no avanzado que se impartirá a partir do 18 de outubro

O obxectivo é mellorar o servizo que se presta ás persoas desempregadas, tanto nas Administracións públicas como nas entidades privadas
 

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019.- A Xunta colabora un ano máis co Consorcio para o desenvolvemento de aplicación de xestión universitaria (CIXUG), integrado polas tres universidades públicas galegas, na posta en marcha de accións de formación especializada en orientación laboral, destinadas a mellorar a cualificación do persoal que traballa neste ámbito ou que queira adquirir as competencias necesarias.

Mediante un convenio de colaboración polo cal a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega 140.000 euros, desenvólvese un curso de posgrao de especialización en orientación laboral, así como un curso de introdución e outro avanzado, nos que poderán participar en total ata 120 persoas. Todos os cursos combinan a formación en liña coas sesións presenciais, que se desenvolven en Santiago no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).

O primeiro en poñerse en marcha será o curso de posgrao de especialista universitario en orientación laboral, un título que outorga a Universidade da Coruña, e no que se formarán 60 persoas a partir do 13 de setembro. No caso do curso de iniciación, que comezará a partir do 20 de setembro, e no avanzado, que empeza a partir do 18 de outubro, aínda hai prazas dispoñibles para as persoas que queiran anotarse.

A colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o consorcio universitario vense desenvolvendo desde o ano 2012, dando formación a preto de 600 persoas. O obxectivo fundamental potenciar e actualizar os coñecementos e competencias profesionais do persoal técnico vinculado ao labor de orientación laboral das entidades públicas e privadas, para logra unha mellor atención aos usuarios para a mellora da súa empregabilidade. Así mesmo, preténdese construír unha vía de desenvolvemento profesional vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que desexen adquirir os coñecementos esenciais en dito ámbito.