Compartir

Compártao :

A Xunta solicitará ao Goberno reactivar a mesa de traballo e incorporar ao comité de Alcoa San Cibrao para achegar unha solución ao prezo eléctrico

Actualizado o: 05 setembro 2019 20:49
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • Vídeo coas declaracións do conselleiro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron unha reunión esta tarde co comité de empresa

Trasladan aos representantes dos traballadores que o Goberno autonómico seguirá traballando para ser parte da solución e que apoiará ao comité nas súas demandas para que España conte cun prezo eléctrico estable que lle permita competir en igualdade de condicións que o resto de países europeos

A solución ás incertezas do conxunto da industria electrointensiva está nas mans do Executivo central, que ten que asumir a súa responsabilidade e cumprir as súas promesas de aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo e de ampliar a compensación dos gastos indirectos de CO2

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019.- A Xunta solicitará ao Goberno central reactivar a mesa de traballo sobre a industria electrointensiva e incorporar nela ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao co obxectivo de traballar nunha solución ao prezo eléctrico que permita garantir o emprego e a actividade industrial. Así se acordou tras a xuntanza que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta tarde cos membros do comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

Na xuntanza, escoitaron as demandas dos traballadores, aos que se lles trasladou que a Xunta seguirá traballando para ser parte da solución xa que comparte a súa preocupación pola situación actual, na que a empresa está a recortar nun 11% a produción debido, en gran parte, aos elevados custos da electricidade en España.

Neste sentido, o Goberno galego insiste en que o Executivo central ten que asumir a súa responsabilidade e cumprir coa súa palabra para que o país conte cun marco regulatorio estable que permita a Alcoa San Cibrao e ao conxunto das empresas electrointensivas competir en igualdade de condicións que o resto de países europeos.

Así, é necesario que o Goberno cumpra coas súas promesas e, por unha parte, aprobe o estatuto do consumidor electrointensivo, incorporando as alegacións que Galicia presentou en consenso coa industria; e, por outra, que amplíe de 90 a 200M€ a compensación dos gastos indirectos de CO2. A solución están nas mans do Executivo de Pedro Sánchez e de que reaccione e actúe depende non só o futuro de Alcoa San Cibrao, senón tamén, de Parter A Coruña -que polo de agora conta cunha solución provisional de dous anos- e o conxunto da industria electrointensiva, da que dependen 5.000 familias só en Galicia.

Vídeos adxuntos