Compartir

Compártao :

Cores Tourís analiza coa distribuidora de Naturgy as actuacións para a mellora da calidade do subministro eléctrico na provincia de Pontevedra

Actualizado o: 05 setembro 2019 12:35
Fonte de información: Xunta de Galicia

UFD informou ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra que xa finalizou case todas as obras de mellora definidas nos plans do Morrazo e O Salnés

Outro dos temas que se abordou durante a reunión foron as incidencias eléctricas acaecidas este verán no concello de Pontevedra

Pontevedra, 5 de setembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo nas últimas horas unha reunión para analizar coa distribuidora eléctrica do grupo Naturgy as actuacións que se están a realizar para a mellora da calidade do subministro eléctrico na provincia de Pontevedra.

Na reunión estivo presente o director de UFD (distribuidora eléctrica do grupo Naturgy) en Galicia, Julio Gonzalo, así como o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, e o delegado de UFD na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos.

O encontro tivo como obxectivo analizar a calidade do subministro eléctrico na provincia de Pontevedra e dar seguimento ás actuacións de mellora que se están a desenvolver na zona. Durante a reunión revisáronse as actuacións dos plans de mellora da calidade no Morrazo e O Salnés.

UFD trasladou á Xunta de Galicia que a maioría das obras previstas nos devanditos plans xa se atopan finalizadas, quedando só pendentes as obras de mellora en Punta do Couso, na península do Morrazo, e os traballos nas liñas eléctricas que se alimentan dende a subestación de Nantes, en Sanxenxo. Nese contexto, UFD anunciou que xa se iniciou a obra de Punta do Couso e que proximamente comezarán as obras da saída a Meaño.

Outro dos temas que se abordou durante a reunión foron as incidencias eléctricas acaecidas este verán no concello de Pontevedra, as últimas das cales sucederon os días 27 de agosto e 1 de setembro e que afectaron o núcleo urbano de Pontevedra. UFD informou á Xunta de Galicia que as distintas incidencias durante o verán foron analizadas e mostrou a súa total disposición para compartir os plans de acción definidos tanto co Concello de Pontevedra como coa administración autonómica.

Dende a Xefatura Territorial pediuse a UFD a revisión das instalacións que puideran ter similitudes ás afectadas durante este verán, de cara a avaliar a súa fatiga e a súa posible substitución. Unión Fenosa acordou informar puntualmente á Delegación Territorial dos resultados destas actuacións e comprometeuse a facer un seguimento intensivo de tódalas incidencias que se produzan na cidade do Lérez, de cara a que a Xefatura Territorial estea informada destas actuacións de mantemento e poida facer tamén un seguimento propio das incidencias acaecidas.

Así mesmo, UFD indicou que os plans de mantemento e os investimentos realizados nos últimos anos no concello de Pontevedra supuxeron unha mellora substancial da calidade de subministración eléctrica, situando actualmente á cidade entre as primeiras de España segundo a medición oficial que ten en conta o número de interrupcións, os clientes afectados e a duración das mesmas.