Compartir

Compártao :

A Xunta clausura o obradoiro 'Caldelas IV' que durante nove meses formou e deu traballo a 20 desempregados

Actualizado o: 14 agosto 2019 13:32
Fonte de información: Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de entrega de diplomas aos participantes nesta iniciativa de emprego á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou preto de 295.000 euros

Neste taller, promovido polo concello de Castro Caldelas, tamén participaron os municipios de Chandrexa de Queixa, Montederramo, San Xoán de Río e A Teixeira

Castro Caldelas (Ourense), 14 de agosto de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria entregou hoxe os diplomas aos 20 alumnas e alumnos que se formaron no obradoiro de emprego Caldelas IV que promove a Xunta coa colaboración dos concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, San Xoán de Río e A Teixeira.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de clausura desta iniciativa de emprego na que a Xunta investiu preto de 295.000 euros e que serviu para ofrecer aos participantes durante os últimos nove meses formación teórica e práctica nas especialidades de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e fabricas de albanelería.

O alumnado que se formou e traballou neste taller realizou labores forestais e silvícolas. Entre outras actuacións, levaron a cabo repoboacións e aproveitamentos forestais, tratamentos silvícolas, e traballos de recuperación e mantemento de montes comunais, asi coma a construción de balsas para aprovisionamento da auga co uso de extinción de incendios.

No acto, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Os obradoiros forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo a delegada territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Marisol Díaz Mouteira indicou que se trata dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional.

A Xunta porá en marcha en 2019/2020 e, por segundo ano consecutivo, estes programas cun orzamento de 21 millóns de euros para poder beneficiar a 1200 persoas sen emprego. Primaranse os obradoiros forestais e no acceso a este programa terán preferencia emigrantes retornados, desempregados maiores de 45 anos e mulleres. Así mesmo, tamén desenvolveranse obradoiros específicos para menores de 30 anos, os que forman parte do sistema de Garantía Xuvenil.