Compartir

Compártao :

A Xunta impulsará o desenvolvemento en Galicia de provedores de bens de equipo para a industria co programa Maquinaria 4.0

Actualizado o: 12 agosto 2019 12:13
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca que o obxectivo é incrementar a competitividade do tecido industrial e o valor engadido dos produtos exportados desde a Comunidade

Buscarase a colaboración das grandes empresas tractoras e dos diferentes clústeres empresariais

A iniciativa forma parte da nova Axenda Industria 4.0, que mobilizará 900 millóns de euros ata 2022 e facilitará a creación de 13.500 empregos

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia vai impulsar o desenvolvemento de provedores de bens de equipo para a nova industria a través do programa Maquinaria 4.0. Tal e como apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nun encontro de traballo sobre esta iniciativa celebrado en Santiago, o obxectivo é apoiar, no eido da fabricación de maquinaria e outros bens de equipo, a aparición de provedores fortes que poidan servir mellor ao tecido empresarial galego, buscando unha maior competitividade da industria e o incremento do valor engadido dos produtos exportados desde Galicia.

Así, estanse a deseñar axudas para estimular este proceso tanto desde o punto de vista da demanda como desde o da oferta. Dunha banda, apoiarase o establecemento de procesos de compra privada de tecnoloxía, a través dos clústeres ou empresas tractoras, polo que, nunha primeira fase, se abrirá unha convocatoria de manifestacións de interese. Por outra banda, apoiarase o desenvolvemento, estandarización e comercialización de maquinaria e bens de equipo, con axudas para empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto en común.

A iniciativa forma parte da nova Axenda Industria 4.0, a cuxo desenvolvemento a Xunta destinará 350 millóns de euros ata 2022 co obxectivo de anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico. Deste xeito, seguirase afondando no impulso á xeración dun novo tecido empresarial competitivo na economía global e conectada, facilitando ademais a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns de euros ata 2022.