Compartir

Compártao :

Román Rodríguez e Francisco Conde asisten á XXV Festa do Mexillón e do Berberecho

Actualizado o: 11 agosto 2019 14:31
Fonte de información: Xunta de Galicia

Os conselleiros de Cultura e Turismo e Economía, Emprego e Industria, respectivamente, participaron nesta celebración, de Interese Turístico de Galicia, que ten lugar esta fin de semana en Vilanova de Arousa

Vilanova de Arousa, 11 de agosto de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiron hoxe á XXV edición da Festa do Mexillón e do Berberecho que se está a celebrar ao longo da fin de semana en Vilanova de Arousa.

O titular do departamento autonómico lembrou que se trata dunha festa de Interese Turístico de Galicia que reivindica os produtos do mar, que constitúen a base da industria local. Así mesmo destacou a participación dos veciños, que se implican para dar a coñecer o seu traballo e a gastronomía local a todos os visitantes. A celebración é beneficiaria da liña de subvencións da Xunta de Galicia para difundir e promocionar estas festas e para a campaña contra o machismo Agresión Off, dotada con preto de 360.000 euros.

Cómpre destacar que este tipo de festas teñen un lugar destacado na nova estratexia de turismo enogastronómico Galicia Sabe, que busca poñer en valor o produto local para favorecer a calidade e a sustentabilidade nas experiencias dos viaxeiros, o que repercute positivamente no desenvolvemento rural.