Compartir

Compártao :

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria mantiveron hoxe unha xuntanza cos responsables da área de Industria dos sindicatos CCOO, UGT e CIG para avaliar a situación da central térmica das Pontes

A Xunta acorda cos sindicatos traballar de xeito conxunto para identificar medidas que garantan o emprego industrial e o futuro do sector enerxético en Galicia

Actualizado o: 09 agosto 2019 14:43
Fonte de información: Xunta de Galicia

O Goberno autonómico comprométese a solicitar reunións con Endesa, a ministra para a Transición Ecolóxica e o comisario europeo en materia de Enerxía

Pedirá o establecemento dunha exención das medidas fiscais, que se fixen retribucións específicas nos casos que se utilice, por exemplo, biomasa forestal para o funcionamento das centrais ou a eliminación do céntimo verde ao carbón, ademais de abordar os mecanismos de CO2

A política enerxética do Executivo central está tendo impacto tanto no emprego, como na actividade económica e na produción industrial

Os afectados teñen trasladado ao Goberno galego a preocupación das empresas de transporte que asumiron recentemente unha importante renovación da súa flota para axustarse aos plans de redución de emisións, na súa confianza lexítima en Endesa e o Estado

A Administración galega alerta de que de non corrixir a situación actual das centrais térmicas, a produción enerxética podería ser deficitaria na Comunidade nun futuro próximo

A parálise de preto de catro meses nas Pontes está afectando a 750 familias entre traballadores directos e indirectos

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2019.- A Xunta traballará de xeito conxunto cos sindicatos CCOO, UGT e CIG para identificar medidas que garantan o emprego industrial e o futuro do sector enerxético en Galicia. Así se acordou esta mañá en Santiago de Compostela tras a xuntanza na que participaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, con responsables destes sindicatos para avaliar a situación da central térmica de Endesa-As Pontes.

A Xunta expresou a súa preocupación pola política enerxética do Goberno central que está tendo un importante impacto social na Comunidade, afectando ao emprego e á actividade económica como está a ocorrer en Meirama, no conxunto da industria electrointensiva ou no propio caso das Pontes, que leva preto de catro meses de parálise.

O Goberno autonómico trasladou aos sindicatos o seu compromiso de manter unha actitude activa na defensa dos traballadores e da actividade da central. Neste sentido, preto de 750 familias están afectadas na comarca de Ferrolterra entre traballadores directos da empresa, auxiliares e transportistas. Ao redor de 200 empresas dependen do transporte do carbón desde o porto de Ferrol á central térmica. Os afectados xa teñen trasladado ao Goberno autonómico a súa preocupación xa que estas empresas asumiron recentemente unha importante renovación da súa flota, na súa confianza lexítima en Endesa e o Goberno de España para axustarse aos plans de redución de emisións. Substituíron os vehículos por outros novos, máis potentes e menos contaminantes, tal e como lles solicitou Endesa dentro do seu plan de redución de emisións. Vehículos, ademais, que polas súas características -moi específicas e adaptadas ao carbón- non poden ser dedicados a outros transportes.

Ante esta situación, Xunta e sindicatos coincidiron en que hai que adoptar decisións e instaron á corresponsabilidade de Goberno e compañía para atopar solucións. Así, a Administración autonómica solicitará tanto a Endesa, como á ministra para a Transición Ecolóxica e ao comisario europeo en materia de Enerxía reunións para avanzar en medidas que garantan o futuro desde o punto de vista enerxético e do emprego e axuden a paliar os efectos da transición enerxética. Así, solicitarase o establecemento dunha exención das medidas fiscais, que se fixen retribucións específicas nos casos que se utilice, por exemplo, biomasa forestal para o funcionamento das centrais ou a eliminación do céntimo verde ao carbón, ademais de abordar os mecanismos de CO2.

A Xunta alertou de que de non corrixir a situación actual das centrais, nun futuro próximo estas perderían a súa capacidade provocando un déficit na produción enerxética e un problema de subministración.