Compartir

Compártao :

Corina Porro clausura o obradoiro de emprego 'Mos Rehabilita' no que se formaron 20 desempregados en albanelería e xardinería

Actualizado o: 08 agosto 2019 16:17
Fonte de información: Xunta de Galicia

A delegada territorial destacou a importancia destes programas mixtos de formación e emprego, por canto “a capacitación é clave para acceder ao mercado laboral”

Nesta última convocatoria, o Goberno galego puxo en marcha sete obradoiros duais na área de Vigo, cun investimento de 2 millóns para formar a 140 desempregados

Vigo, Gondomar, Baiona, Nigrán, Redondela, Mos, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cangas e Moaña benefícianse destes programas, que contan cun período de formación de 9 meses e un contrato laboral posterior de alomenos 3, cando son duais

Asemade, concedéronse 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil co obxectivo de impulsar o emprego entre a mocidade

Vigo, 8 de agosto de 2019.- A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, achegouse hoxe ao Parque Costoias de Tameiga para participar no acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Mos Rehabilita, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello mosense.

A representante autonómica, quen estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica en materia de formación e emprego. Así, tras felicitar ao alumnado que vén de rematar a súa formación na especialidade de albanelería e xardinería, destacou a importancia destes programas mixtos de formación e emprego, por canto “a capacitación laboral é clave para acceder a un posto de traballo de calidade”.

Porro animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brindou”, exemplificou nestes programas o éxito da colaboración institucional e fixo especial fincapé no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, con medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.

Respecto a esta última edición do Mos Rehabilita, a Administración autonómica destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados en albanelería e xardinería, un total de 318.300 euros.

No que atinxe á área de Vigo, o Goberno galego investiu na vixente convocatoria 2018-2019 máis de 2 millóns de euros na posta en marcha de sete obradoiros duais para aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. Uns programas a través dos que os beneficiarios contan cun período de formación de nove meses coa posibilidade de optar a un contrato laboral posterior de alomenos outros tres meses cando son obradoiros duais.

En concreto, son beneficiarios desta iniciativa xunto con Mos (Mos Rehabilita), Vigo (Vigo Capacita V), Gondomar, Baiona e Nigrán (Valmiemprega), Redondela (Redondela Vila Bela), Soutomaior e Pazos de Borbén (Hostalería Río Pequeno), Moaña (Moaña Labora III) e Cangas (Granxa da Rúa VIII).

Sistema de Garantía Xuvenil

A maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo (Formaweb e Maiv-Garantía Xuvenil), Mos (Mos coa Mocidade II), Moaña (Moaña Moza), Redondela (Redemprega) e O Porriño (Porriño Social) como concellos promotores. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.