Compartir

Compártao :

Conde destaca a relevancia de Mostrart como escaparate da artesanía galega a través de 56 expositores con pezas de calidade

Actualizado o: 07 agosto 2019 18:31
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a feira que se empraza na Coruña e que cumpre 35 anos, un evento de referencia na cidade que contribúe á promoción do sector artesán e é unha rampla de lanzamento de novos profesionais

Sinala que a Artesanía de Galicia está gañando peso e en pleno crecemento cun 13% máis de artesáns inscritos e cun 54% máis de obradoiros rexistrados desde o ano 2012

Indica a importancia de apoiar aos artesáns que crean emprego e riqueza e diversifican e dinamizan o rural galego

A Xunta está a impulsar a artesanía galega fomentando a súa comercialización, mellorando a súa competitividade e garantindo o relevo xeracional coa formación de 73 aprendices de artesanía desde o ano pasado

A Coruña, 7 de agosto de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na Coruña a Feira de Artesanía Mostrart que cumpre nesta edición 35 anos, un evento de referencia na cidade que, en palabras do conselleiro, contribúe a dar a coñecer o labor artesanal que se realiza en Galicia, a través de 56 expositores que amosan pezas de calidade e a través das demostracións en directo dos oficios.

De feito, Conde destacou que Mostrart é o mellor escaparate da artesanía galega, xa que permite non só promocionar o sector e darlle unha maior visibilidade, senón que amosa tamén a súa produción anual contribuíndo a captar novos clientes. Mostrart, ademais, é unha rampla de lanzamento de novos artesáns (este ano participan oito por primeira vez).

O titular de Economía apuntou que a Artesanía de Galicia está gañando peso e está en pleno crecemento lembrando que desde 2012 hai un 13% máis de artesáns inscritos na actualidade (3118) e un 54% máis de obradoiros artesanais rexistrados (666). Trátase, segundo Conde, dun sector que pon en valor a tradición e a cultura galega, ademais de crear emprego e riqueza e de diversificar e dinamizar o rural galego.

A Xunta está impulsando o labor dos artesáns galegos, fomentando a súa comercialización e mellorando a súa competitividade con axudas que contan cun orzamento de 255.000 euros; promovendo a súa modernización a través da innovación e da dixitalización con 3,8 millóns de euros; e garantindo a súa pervivencia e o relevo xeracional a través dunha liña de apoios á formación de aprendices cun millón de euros. De feito, no último ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou a cualificación de 73 aprendices de artesanía. O prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria deste ano segue aberto ata o 16 de setembro.