Compartir

Compártao :

A Xunta promove máis de 190 accións de promoción exterior nas que participarán preto de 500 pemes galegas

Actualizado o: 21 xullo 2019 12:26
Fonte de información: Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da convocatoria de 2019 do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que impulsa os plans de internacionalización xestionados por 35 agrupacións empresariais

Prevese a participación de 479 empresas nas actividades realizadas en 36 países, cun aumento do apoio en destinos non europeos do 8%

O importe total das axudas é de 1,88 millóns de euros, incrementándose nun 25% con respecto á anterior edición, mentres que o número de actuacións sobe un 42%

A alimentación, o naval, o audiovisual, as TIC, a automoción e o téxtil son algúns dos sectores apoiados por estas actuacións, que inclúen misións comerciais ou a cooperación para a implantación e prospección de mercados

Este programa compleméntase co Galicia Exporta Empresas, enmarcado tamén na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que impulsa as exportacións como motor de emprego e crecemento empresarial
 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver, a través do Igape, e segundo recolleu esta semana o Diario Oficial de Galicia, a concesión de axudas correspondentes á última convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que nesta edición destinará 1,88 millóns de euros a apoiar a execución de 192 accións de promoción exterior das pemes galegas.

Esta liña de axudas, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ten como obxectivo apoiar os plans de internacionalización xestionados polos agrupacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe, clústeres, e centros tecnolóxicos para facilitar ou consolidar a internacionalización das empresas que comparten intereses en determinados mercados, mediante a cooperación e o aproveitamento de sinerxías.

Ao abeiro da resolución que se acaba de coñecer, 35 organismos intermedios desenvolverán accións de proxección exterior durante 2019 e a primeira metade de 2020, nas que se prevé que participen 479 empresas. Deste xeito, respecto da convocatoria anterior, increméntase nun 25% o importe total das axudas concedidas, nun 42% o volume de actividades apoiadas e nun 133% o número de empresas participantes. O gasto subvencionable medio dos plans é de 53.700 euros.

Por países

Os plans de internacionalización desenvolveranse en 36 países, incrementándose nun 8% os que se levarán a cabo en destinos non europeos. Destacan, en primeiro lugar, os Estados Unidos como mercado obxectivo elixido para a expansión exterior, representando o 13% das accións aprobadas e triplicándose así as apoiadas na edición do ano anterior. En segundo lugar, é salientable o interese pola presenza nos mercados do continente asiático, xa que case o 12% das accións dirixiranse a el, destacando países como China, Singapur e Xapón. Estas accións increméntase nun 30% respecto da convocatoria anterior.

O deseño desta liña de axudas permite apoiar misións comerciais directas e inversas, a participación en feiras ou eventos expositivos, a contratación de bases de datos de intelixencia competitiva, a xestión de tramitación de acordos e licitacións internacionais e as accións cooperativas en destino para implantación promocional ou prospección de mercados.

Ademais, os plans que veñen de ser aprobados abranguen tanto a proxección internacional multisectorial como as dirixidas a ámbitos produtivos específicos, como a alimentación, o naval, o audiovisual, as TIC, a automoción e o téxtil, entre outros.

Este programa é complementario ao Galicia Exporta Empresas, posto en marcha tamén ao abeiro da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020, e do que proximamente se fará pública a resolución das axudas da súa última convocatoria. A Xunta destina 8 millóns de euros ás convocatorias deste ano dos dous programas Galicia Exporta, que ofrecen apoio directo ao tecido empresarial galego para a súa expansión internacional.