Compartir

Compártao :

Conde destaca que a unidade mixta de investigación ‘E-Space’ supón un novo avance para impulsar o vehículo autónomo e conectado en Galicia

Actualizado o: 12 xullo 2019 14:47
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, coñeceu hoxe no Porriño o labor que se está a facer nesta iniciativa que desenvolven o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Grupo Antolin en colaboración coa Xunta

Sinala que o compromiso de todos os axentes socioeconómicos está contribuíndo a que Galicia se sitúe na vangarda industrial

O proxecto E-Space está permitindo investir en Galicia preto de 2,3M€ -dos que a Xunta achega o 30%- para avanzar na investigación de conceptos asociados a elementos do interior do vehículo, incorporando a electrificación e respondendo ás necesidades de mercado

Pon en valor o traballo do CTAG con 400 profesionais que están impulsando novos prototipos e optimizando proxectos e o labor do Grupo Antolin con presenza en 28 multinacionais

Conde afirma que só existe un camiño para contar cun mercado cada vez máis competitiva: a aposta pola innovación

Galicia conta con 39 Unidades Mixtas de Investigación -12 pertencen ao sector da automoción- que están xerando 580 novos postos de traballo e a captación de investimentos de preto de 114M€
 

O Porriño (Pontevedra), 12 de xullo de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, coñeceu hoxe o labor que na sede do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), no Porriño, estase desenvolvendo a través da Unidade Mixta de Investigación E-Space que conta tamén coa participación do Grupo Antolin e co apoio da Xunta. Conde destacou que este proxecto supón un novo avance para impulsar o vehículo autónomo e conectado en Galicia e para seguir situando á Comunidade galega á vangarda industrial, un feito que se está a conseguir, nas súas palabras, grazas ao compromiso de todos os axentes socioeconómicos. “É unha enorme oportunidade para Galicia e para o sector da automoción para crear un ecosistema adecuado para que o coñecemento e a industria poidan traballar conxuntamente”, engadiu.

A Unidade de Mixta de Investigación E-Space está permitindo investir en Galicia preto de 2,3 millóns de euros, dos que a Xunta achega o 30%, para avanzar, a través da aplicación da tecnoloxía disruptiva, na investigación de conceptos asociados a elementos do interior do vehículo, incorporando a electrificación e respondendo ás necesidades do mercado. Así, estanse investigando aspectos esenciais no futuro do sector da automoción como son a iluminación funcional, na que o Grupo Antolín é un referente; sistemas de recoñecemento HMI para unha mellor relación entre o usuario e o automóbil; e a inclusión de sensores para favorecer o confort e a seguridade. Segundo Conde, “os elementos do interior do vehículo van ser elementos diferenciadores permitindo integrar novas solucións e servizos”.

O conselleiro, deste xeito, agradeceu o traballo que está a facer o CTAG que conta con 400 profesionais que están deseñando novos prototipos e optimizando proxectos e puxo en valor ao Grupo Antolin “por identificar que en Galicia existe un espazo para xerar valor e diferenciarse e para desenvolver estas tecnoloxías”. De feito, destacou que o Grupo Antolín ten presenza en 28 multinacionais.

En palabras do conselleiro, esta Unidade Mixta de Investigación, na que están traballando 24 persoas de xeito directo, está a impulsar a marca Galicia Calidade para que “poida ter unha maior excelencia a través da innovación que é o elemento co que se diferenza Galicia”.

Con respecto ás Unidades Mixtas de Investigación, Conde explicou que o obxectivo desta iniciativa é establecer pontes de colaboración entre a industria e o coñecemento para que exista un traballo compartido entre a industria e os centros tecnolóxicos.

Así, lembrou que a Xunta está impulsando este modelo a través de 39 Unidades Mixtas de Investigación constituídas, das que 12 pertencen á automoción, o que, segundo Conde, “dá mostra da importancia da innovación na automoción en Galicia”. Engadiu, ademais, que as 39 unidades mixtas están permitindo a captación de investimentos para Galicia por máis de 114 millóns de euros e xerando a creación de 580 postos de traballo de alta cualificación. “Supoñen unha oportunidade de crear emprego de calidade e avanzar no deseño de produtos singulares”, subliñou Conde.

Por último, destacou que o único camiño para que Galicia sexa cada vez máis competitiva é a innovación sinalando que “o I+D+I é o que está marcando a economía dixital”. Así, apuntou que a Xunta seguirá traballando para que Galicia sexa un destino atractivo onde investir co factor diferenciador do I+D+i como elemento tractor dese capital.