Compartir

Compártao :

Pablo Casal e Ignacio López-Chaves toman posesión dos seus novos cargos nas áreas de orientación e promoción laboral e da Comisión Galega da Competencia

Actualizado o: 12 xullo 2019 12:50
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • Toma de posesión de Pablo Casal como director de Orientación e Promoción Laboral
  • Toma de posesión de Pablo Casal como director de Orientación e Promoción Laboral
  • Toma de posesión de Ignacio López-Chaves como presidente da Comisión Galega da Competencia
  • Toma de posesión de Ignacio López-Chaves como presidente da Comisión Galega da Competencia
  • Toma de posesión de Pablo Casal como director de Orientación e Promoción Laboral
  • Toma de posesión de Pablo Casal como director de Orientación e Promoción Laboral
  • Toma de posesión de Ignacio López-Chaves como presidente da Comisión Galega da Competencia
  • Toma de posesión de Ignacio López-Chaves como presidente da Comisión Galega da Competencia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiu esta mañá en Santiago de Compostela os actos de toma de posesión, onde destacou o labor que ata o de agora realizaron Alfonso Marnotes e Francisco Hernández

Agradeceu a Marnotes o seu traballo ao fronte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral cumprindo o reto de poñer en marcha novos proxectos centrados no cambio do modelo na formación

Puxo en valor a experiencia e a traxectoria do novo director de Orientación, Pablo Casal, no eido da dirección e xestión administrativa tanto a nivel autonómico como local e sinalou que agora o reto está en seguir acompañando aos traballadores galegos no proceso de cambio de modelo produtivo

Conde destacou de Francisco Hernández a súa dedicación na Comisión Galega da Competencia e a súa contribución para defender o correcto funcionamento do mercado galego en beneficio das empresas e dos consumidores

Afirmou que a ponderación e o equilibrio de Ignacio López-Chaves, unido ao seu coñecemento e sensibilidade polas preocupacións dos cidadáns, son calidades imprescindibles para estar ao fronte da área da Competencia
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019.- O novo director de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, e o novo presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, tomaron hoxe posesión dos seus cargos na Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O titular do departamento autonómico, Francisco Conde, destacou de Pablo Casal a súa traxectoria e experiencia no eido da dirección e xestión administrativa tanto a nivel autonómico como local, lembrando a súa etapa como xerente no Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e como secretario xeral do Igape desde 2016. O labor profesional de Casal estivo vinculado ao desenvolvemento económico de Galicia apoiando actividades que permitiron mellorar o sistema produtivo galego, facilitando a creación, consolidación e crecemento empresarial.

Conde sinalou que agora o reto está en seguir acompañando aos traballadores e futuros empregados galegos durante o proceso de cambio do modelo produtivo cara á dixitalización para que poidan adaptar os seus coñecementos e habilidades ás necesidades reais do mercado laboral. Engadiu que o mundo laboral necesita outras capacidades cunha formación axustada á transformación dixital que se está producindo.

Neste senso, puxo en valor o traballo realizado por Alfonso Marnotes ao fronte ata o de agora da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Indicou que Marnotes iniciou o reto de poñer en marcha novos proxectos centrados no cambio do modelo na formación e baseados nas necesidades do tecido produtivo. Ao respecto, apuntou que o seu esforzo e dedicación contribuíu ao deseño e posta en marcha de programas que contan cun balance positivo como son os obradoiros duais de emprego -que combinan un contrato de formación e aprendizaxe coa opción de acceder a un contrato laboral- e as Unidades Formativas en Empresas, tanto para ocupados como para desempregados, que están permitindo adaptar a formación dos galegos e galegas ás necesidades reais das empresas.

Así mesmo, Conde resaltou o traballo de Marnotes para poñer en marcha un novo modelo de orientación laboral nos servizos de emprego.

Competencia

No acto da toma de posesión do novo presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, ao que tamén acudiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro destacou a súa gran preparación desde o punto de vista do coñecemento, da administración pública e do dereito e defensa da legalidade apuntando que a súa ponderación e equilibrio son calidades importantes para asumir o novo cargo unido ao seu coñecemento e sensibilidade polas preocupacións dos cidadáns. Agradeceulle o paso dado para poñerse ao fronte da Comisión Galega da Competencia, un cargo no que é imprescindible ser un estrito defensor do cumprimento da legalidade e da xustiza.

Conde, ademais, agradeceu o labor realizado ata o de agora por Francisco Hernández e a súa dedicación ao fronte da Comisión Galega da Competencia, adscrita ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, un esforzo que contribuíu a defender o correcto funcionamento do mercado galego en beneficio tanto das empresas como dos consumidores. Destacou, ademais, o seu rigor e a súa profesionalidade, que permitiron seguir mantendo unha boa colaboración coa CNMC, e puxo en valor o traballo que fixo para vincular os ámbitos da competencia aos do consumo. “Podes irte con orgullo por un traballo ben feito”, subliñou, lembrando que Galicia foi pioneira neste labor, en seguir tendencias europeas para ofrecer unha protección integral aos cidadáns.