Compartir

Compártao :

Conde asegura que as empresas innovadoras e as persoas con talento son as impulsoras da transformación dixital

Actualizado o: 05 xullo 2019 10:44
Fonte de información: Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá á xornada ‘Empresas con alma de startup’ celebrada no marco da Maker Faire Galicia, que se celebra ata o domingo na Cidade da Cultura

Destaca que a aposta galega pola dixitalización do tecido produtivo, a innovación, o talento e a formación para deseñar en Galicia solucións que dean resposta ás necesidades globais precisa de persoas capacitadas para liderar esta evolución tecnolóxica

O goberno galego ofrece aos emprendedores e ás empresas innovadoras ferramentas para desenvolver as súas iniciativas, como a rede de aceleradoras ou os hubs de innovación dixital

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe, durante a xornada profesional Empresas con alma de startup que se celebrou hoxe na Cidade da Cultura no marco da Maker Faire Galicia, que as empresas innovadoras e as persoas con talento son as impulsoras da transformación dixital.

Neste sentido, destacou a aposta que o Goberno galego está facendo pola Industria 4.0 e as novas tecnoloxías a través de iniciativas como a Axenda Industria 4.0 ou Galicia Innova para impulsar na Comunidade a dixitalización de todo o tecido produtivo galego, a innovación, o talento e unha mellora da formación que se adapta a esta nova realidade co obxectivo de ofrecer, desde Galicia, solucións innovadoras ás necesidades globais. O conselleiro explicou que para superar esta evolución tecnolóxica con éxito é necesario contar con persoas capacitadas para liderala, como o caso dos makers.

Conde lembrou que a Xunta ofrece a emprendedores e empresas innovadoras as ferramentas que lles permitan levar á practica as súas iniciativas e acompañalos en todo o proceso, como é o caso da rede de aceleradoras galegas ou os hubs de innovación dixital, que xa contan coas dúas primeiras experiencias lideradas por Bioga e Ceaga para avanzar no eido bio, pero tamén noutros sectores estratéxicos como a automoción, o naval, o téxtil ou o forestal.

Na súa intervención, Conde felicitou á organización da Maker Faire por unha iniciativa que se está consolidando e que sitúa Galicia no mapa, converténdoa nun escaparate de creatividade e innovación, xa que nas catro edicións anteriores acudiron a este evento mais de 40.000 persoas, tanto no eido profesional como público xeral que puido participar nos obradoiros que se organizan para achegar o movemento maker á sociedade.