Compartir

Compártao :

Estratexia autónomo 2020

Actualizado o: 19 setembro 2017
  • Estratexia autónomo 2020

A Xunta activa a Estratexia Autónomo 2020 cun total de 160 millóns para os próximos 4 anos -40 millóns ao ano- co obxectivo de apoiar de media máis de 10.000 traballadores cada ano, o que supón un incremento do 45 % sobre a última lexislatura. O documento contén 20 actuacións das que a metade son novas na Comunidade e se porán en marcha ao longo deste ano. A nova estratexia actívase xa con preto de 20 millóns de euros en axudas para o establecemento como autónomo e para a contratación indefinida de traballadores/as.

O colectivo autónomo é unha prioridade para o Goberno galego que está involucrado na busca de fórmulas que permitan impulsar e dar o recoñecemento que merece este sector na economía galega. Por iso, a estratexia nace para consolidar a Galicia como o mellor espazo onde desenvolver iniciativas exitosas no eido do emprego autónomo.  O seguimento, control e mellora desta folla de ruta realizarase a través da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, na cal están presentes todos os axentes involucrados e con representatividade.

Para fortalecer o sector, o documento contén tres prioridades: incorporar novas persoas ao emprego autónomo, consolidar o xa existente para garantir a súa viabilidade e simplificar e axilizar a tramitación administrativa. Para levar a cabo estas actuacións melloraranse os apoios no arranque e consolidación da actividade e na remuda xeracional, e os programas que promoven a calidade de vida e os servizos destes traballadores.

Ampliación da tarifa plana de 50 euros

Como medidas innovadoras destaca cun orzamento de 4 millóns de euros a ampliación da tarifa plana de 50 euros 12 meses adicionais da do Estado co obxectivo de que os autónomos e autónomas galegos/as só aboen a dita cantidade durante os primeiros 18 meses de actividade. Esta medida terá prioridade para os/as menores de 30 anos e estímase que pode beneficiar 5.000 persoas ao ano.

Así mesmo, poranse en marcha por primeira vez na Comunidade o Bono autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade. Deste cheque poderán ser beneficiarios os/as traballadores/as cunha antigüidade de máis de 42 meses e cunha facturación inferior aos 30.000 euros. A axuda, coa que se prevé chegar a 1.000 persoas ao ano, deberá empregarse en servizos dirixidos a mellorar a súa competitividade.

A estratexia tamén contén, cun orzamento dun millón de euros, un programa de remuda xeracional para a continuidade de negocios que favorezan a integración da mocidade.

A Xunta, ampliará ademais 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social para conciliar. A axuda vai dirixida aos traballadores e traballadoras beneficiarios/as da bonificación por maternidade ou paternidade do Estado que teñan contratada unha persoa durante este período. A persoa autónoma poderá acollerse tamén aos incentivos previstos pola Xunta para a contratación. Prevense 1.500 autónomos/as beneficiarios/as.

Oficina do Autónomo

Outra das medidas innovadoras que se implantará é a creación da Oficina do Autónomo que se converterá na xanela única deste colectivo, un espazo unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores e traballadoras poderán consultar toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.

Tamén destaca a posta en marcha, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, dun programa específico de formación para este sector co obxectivo de contribuír á mellora e adaptación aos novos tempos. Así mesmo, potenciarase a responsabilidade social empresarial e desenvolverase un servizo de estudos de mercado para identificar as oportunidades de negocio, así como un programa de difusión para visibilizar o papel do emprego autónomo. Simplificaranse e implantaranse, ademais, novos procedementos na sede electrónica.  

Programas de apoios activados

Todas estas medidas completaranse co reforzo dos programas de axudas xa existentes, como son os apoios ao establecemento como autónomo/a e á contratación indefinida que se activan xa con preto de 20 millóns de euros.

A través das axudas concederase unha contía base de 2.000 euros e, como novidade, este ano, non será preciso achegar un investimento inicial. Esta axudará duplicarase ata os 4.000 euros e sen investimento para os menores de 30.

Outras axudas que melloran son as destinadas á contratación indefinida que crecerán en 1.000 euros. Pasarán de 4.000 a 5.000 euros para o/a primeiro/a traballador/a contratado/a e de 5.000 a 6.000 euros para o/a segundo/a e terceiro/a.

En todos os programas as contías base incrementaranse nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares en que todos os seus membros están no paro e no caso de que o centro de traballo estea nun concello rural.

Os autónomos e autónomas poderán tamén beneficiarse dos apoios financeiros do Igape, da Rede de Aceleradoras de Espazos Coworking e de programas específicos de recoñecementos médicos e de prevención de riscos laborais, así como dos servizos TIC.

A Estratexia do Autónomo responde a unha actuación enmarcada na Axenda 20 para o Emprego encamiñada a incrementar as oportunidades laborais dos galegos e na Axenda de Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0.
 

Contactos relacionados

  • Secretaría Xeral de Emprego

    San Lazaro, s/n
    15781 - Santiago de Compostela (A Coruña)
    Teléfono: 981 545 400

Organización/s: Secretaría Xeral de Emprego; Instituto Galego de Promoción Económica - Igape; Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral
Tema/s: Emprendemento; Emprego; Formación ocupacional e continua
Colectivo/s: Autónomo/a; Peme; Empresa; Emprendedor/a; Comerciante