Autorización de distribuidores de halóns

Compartir

A Consellería competente para expedir estes certificados é a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Deben obtelos as empresas que realicen actividades de instalación, mantemento ou revisión de aparatos fixos de refrixeración, aparatos fixos de aire acondicionado e bombas de calor fixas ou de sistemas fixos de protección contra incendios e extintores, que conteñan gases fluorados de efecto invernadoiro.

Hai dous tipos:

1. O Regulamento (CE) n.º303/2008 da Comisión Europea establece o deber de que as empresas que realicen as actividades de instalación, mantemento ou revisión de equipos fixos de refrixeración, aire acondicionado e bombas de calor que conteñan gases fluorados de efecto invernadoiro deban obter un certificado de empresa para poder desenvolver a súa actividade. Haberá dous certificados diferentes:

  • Equipos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.
  • Equipos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a 3 kg de gases fluorados.

2. O Regulamento (CE) n.º304/2008 da Comisión Europea establece o deber de que as empresas que realicen as actividades de instalación, mantemento ou revisión de sistemas fixos de protección contra incendios e extintores que conteñan gases fluorados de efecto invernadoiro deban obter un certificado de empresa para poder desenvolver a súa actividade.

Para obter os certificados as empresas deben cumprir o seguinte:

1. Empregar persoal en posesión do certificado persoal previsto no Real Decreto 115/2017, de 17 de febreiro, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipos baseados nos mesmos, así como a certificación dos profesionais que os utilizan e polo que se establecen os requisitos técnicos para as instalacións que desenvolven actividades que emitan gases fluorados, ou emitido por calquera outro país da Unión Europea para as actividades que requiran certificación e en número bastante para abarcar o volume previsto de actividades.

2. Que a empresa estea debidamente habilitada para exercer a súa actividade no marco dalgún dos regulamentos seguintes:

  • Regulamento de Instalacións Térmicas en Edificios (Empresa instaladora de instalacións térmicas / Empresa mantedora de instalacións térmicas / Empresa instaladora de climatización / Empresa mantedora de climatización)
  • Regulamento de Instalacións Frigoríficas (Empresa instaladora frigorista / Empresa conservadora-reparadora frigorista / Empresa frigorista de nivel 1 / Empresa frigorista de nivel 2)
  • Regulamento de Instalacións de Protección Contra Incendios (Empresa instaladora de protección contra incendios / Empresa mantedora de protección contra incendios)

As empresas que non realicen actividades de instalación, mantemento ou revisión de equipos fixos de refrixeración, aire acondicionado e bombas de calor ou de sistemas fixos de protección contra incendios e extintores que conteñan gases fluorados de efecto invernadoiro necesitan unicamente que o persoal estea certificado, pero non deben obter ningún certificado de empresa. Estariamos falando de empresas que non realizan unha actividade enmarcada dentro do Regulamento de Instalacións Térmicas de Edificios, do Regulamento de Instalacións Frigoríficas ou do Regulamento de Instalacións de Protección Contra Incendios. Exemplos: talleres de reparación de vehículos, empresas adicadas ao mantemento de sistemas frigoríficos móbiles non regulados nos regulamentos anteriores, etc.