Inicio > Recursos > Iniciativas
Compartir

Compártao :

Programa Ignicia

Actualizado o: 15 febreiro 2017

Unha iniciativa para levar 30 proxectos de investigadores galegos ao mercado.

A Xunta ten en marcha o programa Ignicia, co que o Goberno galego busca facilitar o acceso ao mercado a preto de 30 proxectos de investigadores galegos, xerando novas empresas e patentes e impulsando a creación de emprego moi cualificado. A Xunta investirá 7 millóns de euros ata 2020 nesta iniciativa, desenvolvida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

O Ignicia segue a metodoloxía dos fondos de proba de concepto, que son métodos que permiten verificar se unha idea é susceptible de ter éxito. No desenvolvemento de novos produtos innovadores, utilízanse para comprobar se os resultados de proxectos científico-tecnolóxicos teñen opcións reais de ser implementados a nivel industrial para xerar rendibilidade no mercado. Deste xeito, permiten diminuír os riscos asociados á incerteza sobre o funcionamento dun produto ou servizo novo. Neste senso, este programa nace en Galicia por dúas razóns. En primeiro lugar, pola existencia acreditada dun gran número de proxectos liderados por investigadores galegos con potencial de comercialización e, en segundo, polo éxito da Fundación Barrié co seu propio fondo de proba de concepto, o Fondo de Ciencia.

Nesta primeira convocatoria a Gain conta, de feito, co apoio da Fundación Barrié, que lle transfire a metodoloxía e a experiencia do seu Fondo de Ciencia, que ten documentado. O dito fondo naceu no ano 2011, baseando o seu deseño e execución no Oxford University Challenge Seed Fund, e entre os seus resultados máis destacables, está a creación de dúas spin offs e dous proxectos con resultados en proceso de comercialización. A Fundación Barrié participa na avaliación dos proxectos presentados e organiza accións de formación dirixidas ao persoal da Axencia Galega de Innovación e aos demais axentes do Sistema Galego de Innovación susceptibles de beneficiarse do fondo.

O programa apoiará proxectos que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou case reais, promovidos por un organismo público ou privado de investigación con sede en Galicia, como as universidades do sistema universitario galego, os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas, o centros en Galicia do Instituto Español de Oceanografía, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia e os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia. Os proxectos presentados deberán ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade, contando con potencial comercial e xerar retornos económicos, independentemente do prazo en que estes retornos se produzan.

Vías de acceso
A primeira convocatoria conta cun orzamento inicial de 5,5 millóns ata finais de 2018. Prevense apoiar preto de 10 proxectos de investigación anuais, e cada achega económica será fixada de xeito individual polo Comité de Investimentos. Ese ritmo de proxectos apoiados anualmente continuará estable ata 2020.

Poderá solicitarse o acceso ao programa Ignicia por dúas vías. A primeira vía sumará maduración e investimento; nesta fase os proxectos de investigación presentados recibirán asesoramento e serán avaliados por expertos nacionais e internacionais, recibindo información e recomendacións sobre o estado de madurez tecnolóxica do proxecto, o que permitirá o acceso daqueles finalmente seleccionados á fase de investimento. A avaliación realizarase en dúas fases, na primeira serán seleccionados un máximo de 25 proxectos e á segunda pasarán aqueles proxectos que acaden a puntuación mínima establecida na convocatoria.

A segunda vía é exclusiva de investimento e está destinada a aqueles proxectos que participasen con anterioridade noutros programas de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación, ou ben aqueles que presenten un grao de evolución e de maduración que lles posibilite solicitar o acceso exclusivamente á fase de financiamento. Estes proxectos serán avaliados directamente polo Comité de Investimentos.

A vía exclusiva de investimento estará aberta de forma continua. A achega da Xunta contribuirá ao financiamento de estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio ou formulación de propostas a empresas ou investidores que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización. A Xunta comparte o risco de cada iniciativa, pero ao mesmo tempo garante a súa participación nos posibles beneficios. 

Spin Off
Os proxectos serán seleccionados con base en criterios centrados, entre outros factores, no grao de innovación da solución proposta, no potencial para xerar retornos económicos e no compromiso do grupo de investigación coa comercialización dos seus resultados. A partir de aquí, a Xunta apoiará os promotores na posta en marcha dunha nova empresa en forma de spin off ou na cesión do dereito de explotación da patente por parte doutra empresa.
 

Contactos relacionados

Organización/s: Axencia Galega de Innovación - Gain
Tema/s: Innovación
Colectivo/s: Investigador/a