Inicio > Recursos > Iniciativas
Compartir

Compártao :

Internacionalización 2020

Fonte de información: Consello da Xunta
A Estratexia prevé incrementar as exportacións galegas en máis dun 25% ata superar os 23.000 millóns de euros, de forma que acaden o 40% do PIB no ano 2020

A estratexia de internacionalización da Xunta busca acadar as 8.000 empresas exportadoras e incrementar un 25% o investimento estranxeiro en Galicia en 2020.

O Goberno galego ten na internacionalización do tecido empresarial un dos piares básicos para mellorar a súa competitividade e impulsar o crecemento económico. A Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 nace desde a unidade de acción e o diálogo mantido con todos os axentes implicados de cara a coordinar e facilitar a internacionalización das empresas galegas, impulsando investimentos e creando emprego. Así, entre os principais obxectivos do plan atópase o de incrementar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia e o número de empresas exportadoras ata acadar as 8.000 no 2020.

Neste sentido, o novo plan, que suma 50 millóns de euros nos próximos dous anos e se encadra no marco da Axenda da Competitividade Industrial Galicia Industria – 4.0, non só aspira a manter o crecemento das exportacións galegas, senón que busca facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos. Un esforzo orientado tanto ás empresas estranxeiras que desexen apostar por Galicia, como por aquelas xa establecidas que poidan realizar novos investimentos.

Así mesmo, cómpre salientar que a Estratexia, que persegue incrementar a participación das exportacións no PIB da Comunidade ata acadar o 40% no ano 2020, susténtase sobre a base do diálogo e a vontade de colaboración. Neste sentido, durante os últimos meses mantivéronse distintas reunións cos axentes económicos e sociais galegos, unha ducia de encontros coas asociacións empresariais de toda Galicia, e celebrouse o Foro da Internacionalización. Entre os máis de 300 participantes consensuouse un documento final que sumou máis dun centenar de achegas. 

Dito Foro, nacido con carácter de continuidade, conta coa participación das principais empresas exportadoras galegas, servindo de base para intercambiar as súas experiencias e trasladalas ao tecido produtivo galego, facendo destas grandes compañías as principais tractoras das pemes galegas na súa aposta pola internacionalización.

5 eixos de actuación e 20 medidas destacadas

De cara a conseguir incrementar o volume das exportacións galegas e seguir insistindo na atracción de investimentos, a Estratexia conta con 5 eixos de actuación centrados nas pemes: o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza das pemes en mercados internacionais, a propia atracción de investimentos, a consolidación da imaxe de Galicia no exterior, e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras.

Así, no primeiro destes eixos apóstase por promover unha cultura da internacionalización no empresariado galego. Para isto, impulsarase a formación en idiomas de contido comercial, e levaranse a cabo talleres de International Marketing Expertise con empresas e directivos para analizar mercados minoristas cun alto nivel de especificidade. Ademais, activarase unha liña de excelencia educativa en internacionalización, que incluirá a posibilidade de realizar becas no estranxeiro; e consolidarase o apartado de internacionalización do programa ReAcciona de cara a facilitar a saída das pemes ao exterior.

Deste xeito, e en consonancia co segundo eixo, apóiase a presenza das pequenas e medianas empresas galegas nos mercados internacionais, obxectivo reforzado con outras medidas entre as que destacan a activación dun programa de mentorización e tutelaxe das grandes empresas galegas implantadas con éxito noutros países; e a identificación de sectores e actividades fast track nos que polo seu alto valor engadido resulta necesario un impulso específico. 

Así mesmo, crearase unha rede de canles de distribución por mercados, para facilitar a entrada das empresas e eliminar barreiras de coñecemento, e poranse en marcha 12 plans operativos sectoriais específicos para as áreas estratéxicas da economía galega: agro-industria e mar-industria, naval, automoción, pedra natural, enerxías, téxtil, TIC, biotecnoloxía, enxeñaría, madeira, audiovisual e loxística integrada.
 
En terceiro lugar, a Estratexia busca atraer novos investimentos estranxeiros a Galicia, para o que se porán en marcha distintas liñas de apoio a proxectos de internacionalización tanto a través de instrumentos financeiros propios e alleos, como da colaboración coa Rede Galega de Business Angels. Ao mesmo tempo, favorecerase o peche de ciclos produtivos en Galicia mediante a identificación de oportunidades para a atracción de investimentos, e intensificarase a colaboración con entidades con  capacidade de financiamento como o BEI, Cofides, o ICO ou Enisa.  

O cuarto eixo atende á consolidación da imaxe de Galicia no exterior, para o que se desenvolverán campañas sectoriais en mercados estratéxicos de cara a reforzar a imaxe e presenza dos sectores económicos baixo a marca Galicia Calidade. Así mesmo, impulsarase unha estratexia integrada que potencie Galicia como plataforma loxística, e intensificaranse as campañas de sensibilización sobre a calidade dos produtos e servizos galegos. 

Creación de 4 antenas comerciales

Todas estas actuacións, e conforme co quinto eixo da Estratexia, levaranse a cabo, unha vez máis, desde a unidade de acción dos axentes, pemes e entidades financeiras. Para isto, no caso da propia administración, o Igape será o encargado de definir, coordinar e realizar un seguimento continuo das políticas de internacionalización a desenvolver pola Xunta.  

Así mesmo, manterase o esforzo a través das oito plataformas da Rede Pexga, e activaranse catro antenas comerciais ao longo deste ano en Perú, Dubai, Canadá e Alemaña, como instrumentos complementarios e máis flexibles que se focalizarán en  sectores concretos.

Un esforzo conxunto por potenciar a internacionalización da economía galega que se estende ás autoridades portuarias e á Zona Franca de Vigo, coas que se manterá unha especial colaboración para facilitar a atracción de investimentos a Galicia; aos centros tecnolóxicos e aos clústers, para favorecer o posicionamento da Comunidade como polo de innovación e coñecemento; e ao novo Programa Primex, máis flexible e accesible de cara a estreitar a colaboración interempresarial galega na procura de novos mercados. 

Co desenvolvemento da Estratexia, o Goberno galego consolida o traballo realizado ata o de agora, en colaboración co tecido produtivo, en materia de internacionalización, facendo dos mercados exteriores un motor de crecemento. Un traballo conxunto que permitiu no 2013 acadar un récord histórico de exportacións e balanza comercial, e que contribuíu, nos primeiros 11 meses do 2014, a sumar 16.500 millóns en exportacións. 

Documentos relacionados

Contactos relacionados

  • Instituto Galego de Promoción Económica

    Teléfono: 900 815 151
    Correo-e: informa@igape.es

Organización/s: Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Tema/s: Internacionalización
Colectivo/s: Empresa
Feitos vitais: Internacionalizarse