Inicio > Áreas > Doing Business > Temas de interese
Compartir

Compártao :

FORMACIÓN E CUALIFICACIÓNS

Unidades de formación en empresas

Actualizado o: 27 decembro 2018

A  Xunta convoca este ano unha nova edición das Unidades Formativas na Empresa, unha iniciativa coa que financia o 100% da formación que se imparte aos traballadores e ás traballadoras, permitindo atender as demandas reais do tecido produtivo galego. Deste xeito, as terceiras convocatorias dos programas para ocupados e desempregados contan cun orzamento de 3,5 millóns de euros para formar a 2.000 traballadores e persoas sen emprego en 160 unidades formativas. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías.
 

Nas Unidades Formativas na Empresa para desempregados investiranse 2 millóns de euros para formar a 1.200 parados a través de 80 unidades. Doutra banda, para cualificar a 800 ocupados, destinaranse 1,5 millóns de euros para poñer en marcha 80 cursos.

As bases da terceira convocatoria das dúas iniciativas son similares ás da segunda. No caso do programa para desempregados, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e das alumnas que participen na medida, o que implica 480 persoas.

A Xunta, ademais, apoiará as empresas nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7.000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego, como son os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

No caso do programa para ocupados, as empresas deben pertencer a algún dos sectores considerados estratéxicos na Axenda Industria 4.0. As áreas máis destacadas son silvicultura, transformación da madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

Trátase do programa de formación á carta que se imparte en empresas máis ambicioso de todo o Estado e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Esta iniciativa tamén dá resposta aos obxectivos da Axenda Industria 4.0, que ten como un dos seus retos principais que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego. 

 

Contactos relacionados

  • Máis información

    Teléfono: 900 815 333

Tema/s: Formación e cualificacións