Inicio > Organización > A Consellería > O conselleiro
Compartir

Compártao :

A CONSELLERÍA

Saúdo do conselleiro

Actualizado o: 01 marzo 2016
"A prioridade do noso esforzo debe ser a creación de emprego, e o camiño para acadalo pasa pola innovación, o emprendemento e a internacionalización das empresas galegas"

Benvido/a ao portal da Consellería de Economía, Emprego e Industria

Galicia afronta un dos maiores retos da súa historia recente: saír reforzada da situación financeira global cunha identidade económica propia, un modelo exitoso que cimente a prosperidade no futuro. Para chegar xuntos a esa meta, a nosa prioridade é a creación de emprego, e o camiño para acadalo pasa pola innovación, o emprendemento e a internacionalización das empresas galegas. Tres piares capaces de forxar a Galicia do futuro. Unha Galicia próspera que sexa potencia exportadora, que reteña o talento do país e atraia aos mellores profesionais ás nosas vilas e cidades.

Vivimos nunha sociedade en rede, e por iso centraremos moitos dos nosos esforzos en conseguir que as decisións que se toman tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, xa sexa Bruxelas ou Luxemburgo, beneficien ao tecido empresarial galego e sirvan para crear riqueza e postos de traballo. Eses esforzos tamén cruzarán o Atlántico –xa o están facendo- cunha intensa diplomacia comercial que atraia investimento e grandes proxectos.

Somos conscientes das dificultades. Pero eses obstáculos non deben dividirnos porque, ao superalos, poñen de relevancia o talento dunha comunidade que nas últimas décadas veu crecer grandes empresas en ducias de sectores. Esa experiencia, baseada no emprendemento e na innovación, reforza a nosa confianza. Pero o que realmente a crea somos os propios galegos, o noso constante afán de superación e a nosa capacidade para afrontar novos desafíos.

Neste esforzo colectivo por unha Galicia máis forte, usaremos tódalas ferramentas á nosa man. Por iso cremos que esta páxina, e todas as webs dos organismos que traballan connosco, poden e deben servir para facer desta Consellería unha administración transparente de cara á cidadanía á que serve. Porque é un aspecto clave en democracia, e porque unha administración electrónica sinxela e eficiente pode ser aproveitada pola cidadanía e pola clase empresarial para axilizar os seus proxectos, contribuíndo así á xeración de emprego e riqueza.

A nosa estratexia é clara. Xuntos, traballaremos para acadar unha Galicia máis próspera. Xuntos, volveremos ao crecemento cunha confianza nova.

Francisco Conde López

Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

Contactos relacionados

  • Conde López, Francisco José

    Teléfono: 981 545 512 ; Fax: 981 544 948