Compartir

Compártao :

A Xunta impulsa desde mañá en Ourense a economía social a través do espazo comercial Es-Pop Up

Actualizado o: 12 xuño 2019 11:38
Fonte de información: Xunta de Galicia

Oito proxectos empresariais amosaranse nesta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria ata o sábado 15 no parque Ribeira de Canedo

A mostra inclúe tamén obradoiros para toda a familia e sorpresas para os máis pequenos da man do contacontos Anxo Moure

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019.- O espazo efémero de emprendemento de economía social, que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, desprázase mañá ata Ourense, onde permanecerá ata o sábado no parque Ribeira de Canedo. A mostra para impulsar a economía social contará coa participación de oito proxectos empresariais. Así, os emprendedores achegarán ao público en xeral os seus produtos de coiro, tapices decorativos, consellos sobre interiorismo e deseños de roupa, entre outros.

Os proxectos que participarán son: Roundie & Colours, dedicado á fabricación de tapices en téxtil; Triquels, unha axencia de comunicación para empresas e marcas sustentables; Amorote printing workshop, centrada no deseño de estampación de prendas con motivos inspirados na cultura galega; Trigo y Limpio, que traballa na recuperación do rural galego mediante o cultivo da variedade trigo callobre; Cosmética Deportiva, centrada en produtos para deportistas; Pequeños Círculos, de confección de roupa infantil; Maripapoula, dedicada ao deseño de xerseis; e Spacio B, de interiorismo. Os detalles dos proxectos que van participar poden consultarse na web www.espopup.com.

Así mesmo, a mostra inclúe varias actividades como obradoiros para toda a familia (fotografía, escaparatismo ou estampado con selos) e sorpresas para os máis pequenos da man do contacontos Anxo Moure. A apertura do espazo Es-Pop Up terá lugar mañá a partir das 17.00 horas e a clausura está prevista para o sábado 15 ás 19,00 horas coa actuación musical de Ari Magrite.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta iniciativa apoiar ás empresas galegas de economía social difundindo os seus traballos. Es-Pop Up enmárcase no proxecto Poctep Laces, cofinanciado pola UE a través dos fondos Feder e liderado pola Secretaría Xeral de Emprego.