Compartir

Compártao :

A Xunta anima ás pemes galegas a apostar pola innovación e a dixitalización para reforzar a súa competitividade

Actualizado o: 23 maio 2019 12:06
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación do encontro empresarial ‘Impulsando a innovación en Galicia’

Subliña o compromiso que existe na Comunidade coa transformación dixital e tecnolóxica das pequenas e medianas empresas

Na xornada, organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e F. Iniciativas, representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain) tamén informaron das súas liñas de axudas

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe na cidade compostelá na presentación do encontro empresarial Impulsando a innovación en Galicia, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e F. Iniciativas, onde resaltou a importancia de que as pemes galegas aposten pola súa transformación dixital e modernización para lograr ser máis competitivas e adaptarse ás necesidades do mercado.

O director do Igape informou de que, ao abeiro da Axenda Industria 4.0, a Xunta desenvolve o programa Proxectos 4.0, que vén de acadar a súa terceira edición coa participación de seis clústeres e medio centenar de pemes e que ten como obxectivo avanzar na implantación da fábrica intelixente nos sectores estratéxicos de Galicia. Pola súa parte, representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain) informaron das súas liñas de axuda.

Na súa intervención, Cividanes destacou o papel clave do capital humano na implantación da Industria 4.0 en Galicia. Así, para fomentar a mellora de novas competencias nas persoas e nas empresas mediante a formación en eidos como estratexia, xestión e tecnoloxías, o Igape impulsa, coa colaboración de APD e o Círculo de Empresarios de Galicia, a liña de axudas Capacita Directivos.