Compartir

Compártao :

A aceleradora do sector aeroespacial (BFAero) dá a coñecer os 16 finalistas da primeira edición

Actualizado o: 05 abril 2019 12:17
Fonte de información: Xunta de Galicia

As 14 candidaturas seleccionadas polo Comité Executivo e as 2 por votación popular proceden maioritariamente de Galicia (50%), territorio ao que seguen a Comunidade de Madrid (31%) e Cataluña, Valencia e Londres, cunha proposta por cada unha delas

As áreas de ‘Cargas de pago e sistemas’ e ‘Deseño e produción’ son as que contan cun maior número de iniciativas na fase final, aínda que a maioría de eixos teñen polo menos unha proposta

O Comité Executivo elixirá as seis mellores ideas (tres para a súa incubación e outras tres para a súa aceleración) tras a defensa das candidaturas, que terá lugar no Pitch Day que acollerá Lugo o próximo mércores, 10 de abril

Lugo, 5 de abril de 2019.- A aceleradora especializada no sector aeroespacial Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, concluíu xa a fase de preselección dos proxectos finalistas da primeira edición. En concreto, elixíronse un total de 16 iniciativas tras a deliberación do Comité Executivo e a votación popular, proceso ao que se someteron 48 candidaturas.

A pesar de que a procedencia das propostas é diversa, destacan as presentadas desde Galicia, que supoñen un 50% (tres na provincia de Pontevedra, tres na Coruña e outras dúas de Lugo). A seguinte Comunidade autónoma que achega un maior número de finalistas é a de Madrid (cinco), mentres que Cataluña, a Comunidade Valenciana e Londres tamén contan cun representante nesta etapa.

Por áreas temáticas de adscrición, sobresae a de cargas de pago e sistemas embarcados, á que se adscriben un total de 13. Séguenlle as iniciativas relativas ao deseño e produción de vehículos non tripulados (9), as de aeronavegabilidade (7), as relacionadas coa obtención de datos e información (7) e as de fabricación (7).

En canto á etapa na que se atopa cada un dos finalistas, cabe destacar que case un 62,5% optan á de incubación (10 propostas), mentres que as que aspiran a entrar en aceleración son o 37,5% restante (seis, en termos absolutos).

No tocante ao tipo de actividade que ofrecen os 16 proxectos seleccionados, amosan a versatilidade e a diversidade de aplicacións do ámbito aeronáutico, con utilidades como a procura de vítimas sepultadas baixo cascallos en escenarios como terremotos, propostas para triplicar os tempos de voo actuais grazas á produción de enerxía eléctrica por células ou para optimizar o proceso de obtención de información a partir da execución de varias capas funcionais.

Ademais, os promotores da BFAero felicitan a todos os participantes nesta primeira edición da convocatoria polo gran nivel que mostraron nas súas candidaturas. Nese sentido, lembran que as bases contemplaban inicialmente unha selección dun mínimo de 12 propostas (10 a cargo do Comité Executivo e dous por votación popular), cifra que se excedeu con creces ante a calidade da maioría das iniciativas rexistradas.

Pitch Day

Unha vez completada a fase de preselección de finalistas, agora será a quenda do Pitch Day, trámite no que os 16 elixidos deberán defender as súas candidaturas ante o Comité Executivo da BFAero. Esta sesión, que se realizará na cidade de Lugo o vindeiro mércores 10 de abril, incluirá unha entrevista persoal previa o día anterior co equipo promotor na que os candidatos subliñarán os méritos das súas propostas.

Posteriormente, o órgano de decisión do programa (Comité Executivo) seleccionará finalmente as seis mellores propostas para incorporalas nesta primeira edición da BFAero na etapa de incubación (tres proxectos) e de aceleración (os tres restantes).

Todos eles contarán co apoio económico da Xunta, co acceso a un financiamento a fondo perdido de ata 100.000 euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. Paralelamente, poderán optar a un financiamento en forma de préstamos de Indraventures de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de XesGalicia.

Outro dos beneficios para os seis seleccionados está relacionado co uso dos espazos de coworking, oficinas individuais equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon á súa disposición a Fundación CEL, así como das instalacións do complexo do aeródromo de Rozas, onde os elixidos poderán utilizar os drons de Indra e Babcock (Targus e LUA) e outros equipamentos especializados do ámbito da Civil UAVs Initiative.

De acordo co cronograma da BFAero, a previsión é que xa en maio poidan empezar os programas de apoio desta primeira edición, á que seguirán outras dúas nos próximos meses (finais de 2019 e 2020). En total, a aceleradora dará soporte entre este ano e os próximos a un total de 19 empresas e suporá a creación de 60 empregos directos.

A Aceleradora Business Factory Aero

A aceleradora Business Factory Aero está promovida pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polas empresas Indra e Babcock e o centro tecnolóxico da automoción CTAG, xestionada pola Fundación CEL e apoiada por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio Aeronáutico Galego.

A BFAero enmárcase na Civil UAVs Initiative, a iniciativa para converter a nosa Comunidade nun polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados, de referencia internacional.