Compartir

Compártao :

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe á VI Gala da Noite da Enerxía

Conde apela a que empresas e administracións se impliquen en crear conciencia social sobre a eficiencia enerxética

Actualizado o: 15 marzo 2019 21:31
Fonte de información: Xunta de Galicia

Nesta edición resultaron premiados dous proxectos promovidos pola Xunta: a rede de 'district heating' do Concello de Silleda e a Feira da Enerxía de Galicia

Di que facer efectiva a transición enerxética supón avanzar cara a unha economía circular, unha industria limpa, cara ás enerxías renovables, cara a un desenvolvemento urbano sustentable e cara a un modelo de transporte máis eficiente

Subliña que a Xunta traballa neste obxectivo seguindo unha planificación consensuada co sector que está recollida nas Directrices Enerxéticas de Galicia

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apelou hoxe á necesidade de que empresas e administracións se impliquen na tarefa de crear unha conciencia social sobre a eficiencia enerxética e a importancia de facer un uso responsable da enerxía. Así o manifestou durante a súa intervención na VI Gala da Noite da Enerxía, que promove o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

O conselleiro afirmou que a eficiencia enerxética, e a necesidade de fomentala e practicala, é un compromiso social co que cada vez estamos máis sensibilizados, tanto no noso día a día como consumidores, como desde o propio tecido empresarial ou desde as administracións.

Nese sentido, asegurou que facer efectiva a transición enerxética supón avanzar cara a unha economía circular cun maior aproveitamento dos recursos, cara a unha industria limpa, cara ás enerxías renovables, cara a un desenvolvemento urbano sustentable e cara a un modelo de transporte máis eficiente. “Todo o que podemos facer para evitar os efectos do cambio climático pasa por convencernos –cidadáns, empresas e administracións- do importante que é facer un uso responsable da enerxía”, asegurou Conde, e por “impulsar a implantación dun novo modelo enerxético onde as enerxías limpas vaian substituíndo as fontes de enerxía tradicionais”.

Conde destacou, ao respecto, que a Xunta está a facelo seguindo unha planificación consensuada co sector que está recollida nas Directrices Enerxéticas de Galicia, onde teñen cabida as enerxías renovables como a eólica, a biomasa ou a xeotermia; a mobilidade eléctrica; medidas de impulso ao aforro enerxético no tecido empresarial e nos fogares e mesmo un modelo de EcoBarrio que se está a desenvolver en Ourense. “A transición enerxética require dar pasos en firme, sen présa pero sen pausa”, abondou.

Os premiados

Durante a súa intervención, salientou que os premios que se entregan na VI Noite da Enerxía serven para facer unha panorámica de como se traballa en Galicia a prol da eficiencia enerxética desde varios ángulos. Desde o turismo, co premio ao Hotel Sempre Fisterra. E desde o ámbito da empresa, co premio ao mellor proxecto emprendedor que recibiu Coverwind Solutions, que demostra o efecto tractor das enerxías renovables sobre o tecido empresarial.

Tamén desde o eido das infraestruturas, onde a rede de district heating do Concello de Silleda, premiado como mellor proxecto de enerxías renovables, é “un exemplo a seguir”, dixo. Unha rede de calor a través de biomasa impulsada pola Xunta que está a permitir aforros na compra de combustibles de 74.000 euros ao ano, o equivalente ao consumo de electricidade de máis de 500 fogares, e dá servizo a diferentes edificios públicos do concello.

Desde o sector público, os premios recaeron na iluminación de Nadal do Concello de Vigo, mellor proxecto de iluminación, e na Feira de Enerxía de Galicia, que promove a Xunta, e que recibiu o recoñecemento ao mellor proxecto en materia de sensibilización e difusión. Un recoñecemento que o conselleiro agradeceu porque ratifica o impulso que desde a Xunta se lle está a dar ao sector enerxético. Xa a nivel de medios, a xornalista Beatriz Couce, de La Voz de Galicia, foi premiada como mellor comunicadora.