Compartir

Compártao :

O prazo de solicitude para participar no programa autonómico Innovapeme de apoio á innovación está aberto ata o 8 de abril

Actualizado o: 15 marzo 2019 14:48
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, coñeceu hoxe en Lugo o labor da empresa Sistemas Macrocopia, dedicada a ofrecer solucións no eido da xestión documental aplicando as TIC

A compañía desenvolveu un plan de innovación co apoio de Innovapeme que busca fortalecer a competitividade das pemes galegas a través da mellora da súa capacidade innovadora

Lugo, 15 de marzo de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, coñeceu hoxe en Lugo o labor que desenvolve a empresa Sistemas Macrocopia, unha compañía familiar fundada en 1987 dedicada a ofrecer solucións relacionadas coa xestión documental a través das TIC. A compañía está a implementar un plan de innovación co apoio do programa autonómico Innovapeme que busca fortalecer a competitividade das pemes galegas a través da mellora das súas capacidades de innovar. Argerey, precisamente, lembrou que o prazo de solicitude para optar ás axudas da nova convocatoria desta iniciativa permanece aberto ata o próximo 8 de abril.

O plan de innovación realizado por Sistemas Macrocopia permitiulle crear un novo departamento de servizos TIC, ofrecer novos servizos para a transformación tecnolóxica e implantación de ferramentas ecoinnovadoras nas organizacións e redefinir a súa estratexia de comercialización. Ademais, puxo en marcha un novo Centro Avanzado de Control e Ciberseguridade.

Argerey salientou que os tres factores que hoxe en día determinan a competitividade do tecido empresarial galego son a diversificación, innovación e internacionalización sinalando a importancia de apostar pola calidade, a innovación e a investigación para adaptarse ao novo paradigma que vén marcado pola dixitalización, a tecnoloxía e o emprego cualificado. Así mesmo, indicou que a innovación é a que está a permitir que Galicia poida diferenciarse e seguir crecendo.