Compartir

Compártao :

A Xunta pon o foco no eido dixital na celebración do Día mundial das persoas consumidoras

Actualizado o: 15 marzo 2019 13:07
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou unha xincana para escolares na que puideron aprender a ser inspectores de Consumo

As actividades organizadas polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia para esta semana inclúen tamén diferentes xornadas informativas sobre comercio electrónico e dereitos na rede

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG o primeiro Plan de inspección do comercio dixital, con 800 controis da información e publicidade en webs e a análise de 70 produtos adquiridos a través de internet

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2019.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe unha xincana na que máis de 70 nenos e nenas do colexio compostelán La Salle puideron aprender a ser inspectores de Consumo no ámbito dixital. A iniciativa forma parte das diferentes actividades organizadas pola Xunta esta semana con motivo da celebración hoxe do Día mundial das persoas consumidoras, na que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) pon o foco no eido dixital.

Así, o pasado martes celebrouse unha charla distribuída dixitalmente a 92 concellos galegos a través da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) sobre comercio dixital e comercio electrónico, e onte, a través do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), impartiuse unha actividade formativa sobre esta mesma temática a centros educativos galegos de secundaria.

Hoxe mesmo, ademais da xincana, que permitiu reflexionar sobre o consumo responsable das tecnoloxía e o acceso á rede, reflexionando sobre a cantidade de tempo que se lle dedica e analizando as vantaxes e os potenciais riscos sobre o uso de internet, estase a celebrar unha xornada centrada na tramitación de reclamacións en rede e o consumo dixital e o comercio electrónico, ademais do bono social eléctrico.

Plan de inspección

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o primeiro Plan de inspección do comercio dixital, que velará polos dereitos dos consumidores e a seguridade dos produtos ofertados na rede.

Búscase comprobar, a través da análise e inspección das páxinas web, o grao de cumprimento da legalidade vixente en materia de comercio e consumo. Ademais, impulsarase a mellora da información que recibe o consumidor a través de internet, tanto dos produtos ofrecidos como dos seus dereitos e obrigas; e velarase pola seguridade dos produtos ofertados na rede, verificando que cumpren todos os requisitos e garantías de seguridade para os seus usuarios.

O plan, que responde a unha proposta do sector, e que redundará nunha maior seguridade xurídica de todos os axentes do mesmo, estará vixente durante todo o ano, e desenvolverano de xeito coordinado os servizos de inspección de Comercio e de Consumo. Realizaranse un total de 800 controis da información e publicidade en páxinas web, e recolleranse mostras dun mínimo de 70 produtos adquiridos a través da rede.

Esta nova actuación complementa ao Plan de inspección comercial xeral, que tamén vén de publicarse no DOG, e que ten por obxecto a información aos comerciantes sobre a normativa de aplicación, así como a corrección dos incumprimentos, para mellorar a calidade do comercio galego e o servizo aos consumidores neste eido.