Compartir

Compártao :

A Xunta avoga pola formación axustada á demanda empresarial para incrementar o emprego entre os menores de 30 anos

Actualizado o: 11 febreiro 2019 14:33
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asinou hoxe un convenio de colaboración co Concello ourensá para certificar a cualificación que se impartirá no programa Ourense Activa

Os alumnos e alumnas poderán contar cunha formación homologada en todo o territorio nacional nas especialidades de atención sociosanitaria, xestión do pequeno comercio, promoción turística, aplicacións con tecnoloxías web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza este ano os seus programas de formación para dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías
 

Ourense, 11 de febreiro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria asinou hoxe co Concello ourensá un convenio de colaboración en materia de formación para certificar a cualificación que se impartirá a través do programa Ourense Activa, un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) a través de Garantía Xuvenil e no que participarán 135 menores de 30 anos.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, explicou tras a sinatura do convenio que, grazas a esta iniciativa das dúas administracións, os alumnos e alumnas do Ourense Activa poderán contar cunha formación homologada e certificable en todo o territorio nacional. En concreto, as especialidades que se impartirán neste proxecto son as de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; actividades de xestión do pequeno comercio; promoción turística local e información ao visitante; desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web; e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos.

Marnotes indicou que a Xunta está a reforzar este ano os seus programas de formación para dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías. Así, os orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para 2019 aumentan nun 7% ata chegar aos 255,5 millóns de euros. Entre as iniciativas que se están poñendo en marcha salientou as Unidades Formativas na Empresa que na súa terceira convocatoria conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros para formar a 2000 traballadores e persoas sen emprego en 160 unidades formativas. O prazo de solicitude para optar a este programa remata hoxe.

Nas Unidades Formativas na Empresa para desempregados investiranse 2 millóns de euros para formar a 1200 parados a través de 80 unidades. Doutra banda, para cualificar a 800 ocupados, destínanse 1,5 millóns de euros para poñer en marcha 80 cursos. No caso do programa para desempregados, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida, o que implica 480 persoas.

A Xunta, ademais, apoia as compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son os parados de longa duración, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

No caso do programa para ocupados, as áreas máis destacadas son silvicultura, transformación da madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

A Administración autonómica, ademais, está a desenvolver o Plan Galego de Formación e os obradoiros de emprego. Estes últimos na provincia de Ourense suman un total de 21 programas nos que se invisten 5,6 millóns de euros para beneficiar a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos, 18 son duais e o resto, son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.