Compartir

Compártao :

A Xunta achega 541.000 euros a Novafrigsa no marco dun programa de impulso ás empresas de transformación de produtos gandeiros

Actualizado o: 18 xaneiro 2019 14:00
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • A Consellería do Medio Rural destinou 541.000 euros á empresa Novafrigsa, situada no municipio de Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou as instalacións para coñecer as recentes reformas e as melloras previstas

Lugo, 18 de xaneiro de 2019.- A Consellería do Medio Rural destinou 541.000 euros á empresa Novafrigsa, situada no municipio de Lugo, no marco dun programa de axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.

Trátase dunha das empresas máis grandes e importantes da cidade de Lugo xa que logo conta con máis de 320 postos de traballo directos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións e tivo oportunidade de coñecer as melloras que vén realizando a empresa, “nunha clara aposta pola innovación e modernización como medio para seguir sendo competitivos”, afirmou.

A achega da consellería está destinada a financiar reformas na zona de oficinas, secadoiros e vestiarios; mellorar as instalacións eléctrica, de climatización, fontanería e frigorífica, e adquirir diversa maquinaria, como unha máquina de baleiro, unha báscula etiquetadora, unha bomba de baleiro, un compresor de aire ou unha potabilizadora de auga.

Nos tres últimos anos, a Consellería do Medio Rural concedeu a este empresa 2 millóns de euros en achegas, o 35 por cento do investimento subvencionable, que destinaron a proxectos dirixidos á mellora das instalacións e á incorporación de equipamento.

Balseiro destacou a importancia de potenciar as industrias galegas de alimentación, que crean emprego, contribúen á viabilidade das explotacións agrogandeiras e ofrecen valor engadido aos produtos do rural galego.

Novafrigsa é unha cooperativa de segundo grao que integra numerosas sociedades con diferentes actividades, entre elas a avícola (de carne e de posta), porcino, plantas de alimentación animal, etc. As principais actividades son a elaboración de produtos cárnicos (embutidos, friames e cocidos), curado de xamón e sacrificio e despece de gando vacún. Trátase dun referente neste sector, que no pasado ano comercializou máis de 12 millóns de quilogramos de carne, máis da terceira parte baixo o selo de “Tenreira galega”.