Compartir

Compártao :

Conde agarda que o goberno reaccione e fixe un marco enerxético estable que permita manter o emprego en Alcoa

Actualizado o: 18 xaneiro 2019 12:51
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • Vídeo de la reunión

  • Vídeo de la reunión

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co comité de empresa da Coruña

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co comité de empresa da Coruña para seguir trasladando aos traballadores o apoio da Xunta

Afirma que a Administración autonómica continuará vixiante e mantendo a mesma actitude proactiva para que os compromisos que se adquiran se poidan materializar

Confía en que os traballadores ratifiquen o luns o preacordo alcanzado para que “neste tempo de prórroga” o Estado acelere “ao máximo” todas as vías posibles para asegurar o futuro da industria electrointensiva

O titular de Economía insiste en que a solución a este problema enerxético pasa por establecer un prezo competitivo da electricidade para poder atopar un investidor e pide á empresa sensibilidade e que asuma a súa corresponsabilidade
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou hoxe aos traballadores de Alcoa, nunha xuntanza que mantivo en Santiago co comité de empresa da Coruña, e á espera do resultado da asemblea do luns, todo o apoio do Goberno galego que, segundo afirmou, seguirá vixiante e, como ata o de agora, mantendo a mesma actitude proactiva, achegando propostas, para asegurar o futuro dos empregados.

Neste senso, o conselleiro agarda que o Goberno de Pedro Sánchez reaccione “nesta segunda oportunidade” establecendo un marco enerxético estable, predicible e competitivo para salvagardar o emprego da industria electrointensiva. “Hai que seguir traballando de forma intensa acelerando as vías posibles de solución”, apuntou.

De ampliarse o prazo ata o 30 de xuño, o titular de Economía indicou que é preciso seguir avanzando no que considera un paso fundamental e que debe aplicar o Estado: fixar un prezo competitivo da electricidade para este sector e así poder atopar un investidor disposto a facerse cargo das plantas de Alcoa e que, polo tanto, estea disposto a manter os postos de traballo.

Conde sinalou que o problema de Alcoa é un problema enerxético, polo que destacou que agora é o momento de que o Goberno central acelere ao máximo todas as vías posibles para que os traballadores e traballadoras de Alcoa poidan ter un futuro asegurado máis aló de xuño.

O conselleiro espera que o luns se ratifique o preacordo adoptado entre empresa e sindicatos, ao tempo que defende a necesidade de manter a mesma unidade de acción para seguir buscando solucións de futuro para as fábricas da Coruña e de Avilés. Indicou que a xuntanza celebrada hoxe permitiu identificar a importancia desta unidade de acción mantida ata o de agora e insistiu en que a Xunta seguirá colaborando “de xeito proactivo”. Para iso, sinalou a importancia de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica se incorpore á mesa industrial.

Pediu, ademais, a implicación de Alcoa para identificar inversores que precisan de certezas e concrecións desde o punto de vista eléctrico, un obxectivo, segundo o conselleiro, compartido pola Xunta e o comité de empresa.

Conde lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez aínda non puxo sobre a mesa alternativas factibles e urxentes, facendo fincapé nas propostas que fixo a Xunta e que foron consensuadas coa industria electrointensiva galega para dar viabilidade ao sector. Estas achegas pasan por definir a figura do consumidor electrointensivo; reducir nun 90% os peaxes de acceso na parte relativa ao custo do transporte; establecer mecanismos de compensación por emisión de CO2 de carácter trimestral; e medidas a curto prazo que deberán aplicarse con carácter retroactivo desde o pasado 1 de xaneiro.

En definitiva, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria pediu ao Estado que “pise o acelerador” e a Alcoa que asuma a súa corresponsabilidade. “O único xeito de atraer investidores é que se aposte con feitos e non só con palabras pola industria electrointensiva galega”, rematou.
 

Vídeos adxuntos