Compartir

Compártao :

A Xunta pon en marcha a campaña Tod@s actitude sen risco para promover nos centros especiais de emprego a seguridade laboral

Actualizado o: 18 xaneiro 2019 11:49
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe a iniciativa en Trameve, un centro sen ánimo de lucro emprazado en Santiago que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe a iniciativa en Trameve, un centro sen ánimo de lucro emprazado en Santiago que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe a iniciativa en Trameve, un centro sen ánimo de lucro emprazado en Santiago que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe a iniciativa en Trameve, un centro sen ánimo de lucro emprazado en Santiago que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe a iniciativa en Trameve, un centro sen ánimo de lucro emprazado en Santiago que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas

O ISSGA, en colaboración con Cegasal, leva a cabo esta actuación que se centra en ofrecer información sobre prevención de riscos laborais a través da realización de campañas específicas segundo o tipo de actividade de cada centro especial de emprego e a distribución de dípticos e carteis nos centros de traballo

A actividade enmárcase na Estratexia galega de seguridade e saúde laboral 2017-2020 e na aposta do Goberno galego polo emprego inclusivo

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), e en colaboración coa Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal), vén de poñer en marcha Tod@s actitude sen risco, unha campaña que se levará a cabo nos centros especiais de emprego asociados a Cegasal e que ten por obxecto ofrecer en cada centro de traballo información práctica sobre prevención de riscos laborais.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe a campaña en Trameve, un dos centros nos que se desenvolve esta iniciativa e que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas, a través de procesos respectuosos co medio ambiente, fomentando o consumo responsable de recursos.

A actuación, que se enmarca na Estratexia galega de seguridade e saúde laboral 2017-2020 da Xunta, centrarase no desenvolvemento de campañas específicas, segundo o tipo de actividade de cada centro especial de emprego (por exemplo xardinería, hostalería ou artes gráficas) e na distribución de material informativo nos centros de traballo, como dípticos e carteis. Do que se trata é de facilitar o cumprimento normativa e poñer en valor a importancia da prevención de riscos laborais entre as persoas con capacidades diferentes.

A campaña tamén forma parte da aposta do Goberno galego por impulsar o emprego inclusivo en Galicia. Toca explicou que a Axenda 20 para o Emprego inclúe ferramentas para promover a integración laboral e a calidade no traballo das persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social. O reto, segundo afirmou, é mellorar as oportunidades laborais dos galegos respondendo ás necesidades dos que teñen máis dificultades para atopar un emprego. Para conseguir este obxectivo, a Xunta traballa en adecuar os perfís profesionais dos traballadores galegos ás demandas actuais do tecido produtivo. “É necesario seguir traballando para garantir que as habilidades e competencias dos nosos traballadores, en especial dos que teñen máis dificultades, estean en consonancia coas necesidades das empresas”, subliñou.

Galicia conta na actualidade con 109 centros especiais de empregos que empregan a 2500 traballadores con capacidades diferentes, e 70 persoas para as unidades de apoio.

Os Orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para 2019 inclúen máis de 15 millóns de euros para poñer en marcha programas específicos para impulsar o emprego das persoas con discapacidade: a través de axudas para os centros especiais de emprego, para a contratación de persoas con capacidades diferentes nas empresas galegas e coa posta en marcha dun novo programa dual nos centros especiais que combinará formación con prácticas no posto de traballo.

Ademais, o ISSGA seguirá levando a cabo campañas de formación e sensibilización nos centros especiais de emprego para garantir un traballo seguro e saudable. O pasado ano realizáronse nestes centros 49 xornadas técnicas, ás que asistiron máis de 3100 persoas, e leváronse a cabo 17 cursos sobre prevención de riscos laborais.