Compartir

Compártao :

A Xunta pon en valor o seu labor para impulsar unha orientación laboral en liña coas demandas do tecido empresarial

Actualizado o: 14 setembro 2018 18:23
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na inauguración da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que apoia o Goberno galego
  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na inauguración da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que apoia o Goberno galego
  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na inauguración da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que apoia o Goberno galego
  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na inauguración da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que apoia o Goberno galego

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na inauguración da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que apoia o Goberno galego

Destaca que un dos principais retos da Axenda 20 é enfocar a orientación a servizos indicando a importancia de traballar coas empresas para que poidan definir as competencias que necesitan

Sinala que a Consellería de Economía, Emprego e Industria traballa para poñer en marcha un novo modelo de orientación aberta, potenciar a atención personalizada a empresas e afondar na formación continua dos técnicos
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2018.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou hoxe o labor que está desenvolvendo a Xunta para poñer en marcha un novo modelo de orientación aberta na súa intervención na inauguración da quinta edición do curso de posgrado de especialización en orientación laboral que terá lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).

Marnotes indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria traballa para impulsar unha orientación laboral en liña coas demandas do tecido empresarial para dar así resposta ao novo modelo produtivo baseado no coñecemento. En palabras do director xeral, do que se trata é de mellorar as competencias dos traballadores e persoas sen emprego en liña coas requiridas polo tecido empresarial para que, desta forma, poidan aumentar as súas oportunidades laborais no novo contexto da revolución tecnolóxica que pivota ao redor da fábrica intelixente. “Por iso é importante traballar coas empresas para que poidan definir as competencias que necesitan”, subliñou.

O director xeral explicou que a mellora da orientación laboral cun enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás empresas é un obxectivo prioritario da Axenda 20, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a traballar para poñer en marcha o novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e en liña, para o que está a facer unha importante aposta polo desenvolvemento das novas tecnoloxías.

A Xunta, así mesmo, está a potenciar a atención personalizada a empresas e a afondar na formación continua dos técnicos do propio Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), así como dos centros colaboradores. A finalidade última é mellorar o acceso dos galegos e galegas ao mercado de traballo.

Enmarcado no obxectivo do Goberno galego de apostar pola orientación laboral, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou este ano con preto de 6 millóns de euros a contratación ou mantemento de 244 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro, o que supuxo un 1,3 por cento máis de investimento que o pasado ano.

Os orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Curso de posgrado
Marnotes, ademais, apuntou que o curso de posgrado que hoxe se inaugurou forma parte do labor que a Xunta desenvolve neste ámbito. Por iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia esta formación que se desenvolve no CNTG e que conta ata o momento con máis de 120 persoas matriculadas, que recibirán formación entre setembro e decembro de xeito presencial e en liña co obxectivo de poder compaxinar a formación coa actividade laboral dos alumnos e alumnas. As sesións presenciais serán eminentemente práctica.

O perfil do alumnado é o de profesionais de orientación laboral na administración pública ou entidades sen ánimo de lucro que están a demandar este tipo de metodoloxías para mellorar a súa actividade profesional, atopándose tamén alumnos sen experiencia práctica que desexan abrir unha nova canle de desenvolvemento profesional.

O posgrado está composto de tres cursos que buscan iniciar, afondar e potenciar o coñecemento nas metodoloxías e coñecementos profesionais na orientación laboral. O programa formativo inclúe, polo tanto, un curso de iniciación á orientación laboral de 150 horas; de especialización en orientación laboral de 650 horas; e avanzando en orientación laboral de 150 horas.