Compartir

Compártao :

Balseiro entregou os diplomas aos alumnos do obradoiro de emprego de Lugo, especializado no uso das novas tecnoloxías da comunicación

Actualizado o: 14 agosto 2018 14:58
Fonte de información: Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Lugo explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 224.000 euros neste proxecto

Lembrou que a partir de setembro iniciarase unha nova edición coa novidade dos obradoiros duais, que inclúen prácticas en empresas locais

Lugo, 14 de agosto de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregou hoxe os diplomas aos alumnos traballadores que participaron no obradoiro de emprego promovido polo Concello de Lugo. No acto tamén participou, entre outros, a alcaldesa de Lugo Lara Méndez.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 224.000 euros no proxecto, no que traballaron 19 persoas, 16 delas alumnos que recibiron formación teórica e práctica en dúas especialidades: oito deles na de Produción fotográfica e a outra metade na de Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais.

O obxectivo do obradoiro foi a promoción e posta en valor dos recursos patrimoniais e culturais do Concello de Lugo a través do emprego das tecnoloxías da comunicación e da información.

Nova convocatoria

Balseiro avanzou que a Xunta iniciará a partir do mes de setembro unha nova edición do programa de obradoiros de emprego, que presenta como novidade os obradoiros duais, cos que prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2.350 persoas desempregadas en Galicia. A Administración autonómica destinará en total a esta iniciativa 29,6 millóns de euros.

O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas durante tres meses máis -como mínimo- nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. Terán prioridade os obradoiros vinculados ao eido forestal e ao Camiño de Santiago.