Compartir

Compártao :

A Xunta apoia o labor do Centro Especial de Emprego o Caxizo e renova o seu compromiso coa entidade cunha axuda este ano de 83.000 euros

Actualizado o: 12 xullo 2018 11:54
Fonte de información: Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións deste centro que conta con 23 traballadores adicados á fabricación de produtos metalúrxicos

O orzamento distribuído para a provincia da Coruña, nesta convocatoria, é de 6.190.491 euros para apoiar 68 Centros Especiais de Emprego e as nóminas de 1.679 persoas traballadores

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2018.- O delegado territorial da Xunta de Galicia visitou esta mañá as instalacións do Centro Especial de Emprego do Caxizo, ubicado no Parque Empresarial de Pazos no Concello de Padrón. Este Centro Especial de Emprego ten 32 traballadores adicados á fabricación de produtos metálicos e conta cunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 83.000 euros.

Ovidio Rodeiro destacou que “en Galicia estes centros reciben apoios dirixidos aos 107 centros especiais de emprego nos que a Xunta investiu, na última convocatoria de axudas, 13 millóns de euros para a integración laboral das persoas con discapacidade. Con esta iniciativa se están beneficiando a 2.500 traballadores e creáronse arredor de 90 postos laborais indefinidos”.

Concretamente, sinalou o delegado territorial “o orzamento distribuído para a provincia da Coruña nesta convocatoria, que rematou a finais de xuño, foi de 6.190.491 euros para subvencionar 68 Centros Especiais de Emprego e permitiu axudar ao pago das nóminas de 1.679 persoas traballadoras”. A actuación, que forma parte da Axenda 20, enmárcase no orzamento global que a Xunta está destinando este ano aos programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade.

A convocatoria 2017/2018 incluíu novidades tras ter en conta as principais demandas do sector. O orzamento programado aumentou con respecto a última convocatoria en 3,5 millóns de euros e as axudas superaron os 23.000 euros, distribuíndose en tres tipos de programas: axudas ás unidades de apoio, que ten por obxecto financiar os custes salariais e da Seguridade Social derivados da contratación indefinida de traballadores para apoiar o labor das persoas con discapacidade; axudas á creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego; e apoios ao mantemento do custe salarial nos CEE

Entre as novidades desta convocatoria resaltaron os incentivos cunha maior contía para os centros especiais sen ánimo de lucro. A contía base foi nestes casos de 13.222 euros e a porcentaxe de financiamento do investimento chegou ao 100%. Ademais, as axudas foron maiores nos casos nos que se creou emprego feminino, no rural ou entre as familias con todos os seus membros en paro. Nestes casos, os incentivos aumentaron nun 25% e serán acumulables entre si.

Reforzouse, así mesmo, os apoios aos traballadores con especiais dificultades de inserción sociolaboral, é dicir, aqueles con discapacidades físico-sensoriais superiores ao 65% ou con discapacidades psíquicas-intelectuais de máis do 33%. Neste caso, as contías das axudas á creación de postos estables foron máis elevadas, ao tempo que se incrementaron os apoios ao custo salarial chegando ata o 56% do salario mínimo interprofesional (396,31 euros).

Para as axudas ás unidades de apoio, o primeiro dos programas, a contía base foi de 2.400 euros por cada traballador con contrato indefinido ou temporal igual o superior a 6 meses. No segundo programa, por cada posto creado a xornada completa, a axuda para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro oscilou entre os 13.222 e 23.139 euros e para os que contan con ánimo de lucro entre 12.020 e 21.035 euros. Os apoios ao mantemento foron de 1.803 euros por posto e de 15.000 euros por asistencia técnica. Co terceiro dos programas financiouse parcialmente o custe salarial cunha axuda de 353,85 euros, o que supón o 50% do salario mínimo interprofesional (SMI), aínda que a contía elévase ata o 56% para as persoas con especiais dificultades.

O período que abrangue esta convocatoria vai do 1 de xullo de 2017 ao 30 de xuño de 2018, o que supón o financiamento de 12 mensualidades máis as pagas extraordinarias que correspondan no período. No momento actual se está traballando na nova convocatoria para o próximo período 2018-2019

Esta medida forma parte da Axenda 20 coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está favorecendo a integración laboral das persoas con discapacidade, que son un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta. Estas axudas compleméntanse cos apoios do Goberno galego para incentivar nas empresas galegas a contratación de persoas con discapacidade. En definitiva, a Xunta traballa polo emprego inclusivo cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego.