Compartir

Compártao :

A Xunta e Ceaga analizan a evolución dos investimentos 4.0 que están a desenvolver as empresas auxiliares da automoción

Actualizado o: 16 maio 2018 14:24
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • O director do Igape, Juan Cividanes, no encontro de traballo

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá nun encontro de traballo co dobre obxectivo de coñecer os avances nos proxectos aprobados e facilitar o asesoramento necesario para a súa correcta execución

Salienta que o sector está a liderar, co apoio da Xunta, os investimentos no eido da Industria 4.0, con máis de 5 millóns de euros ao abeiro das dúas primeiras convocatorias para proxectos piloto

Xa se celebrou outro encontro de seguimento con empresas dos sectores do metal e aeronáutico que están investindo neste ámbito

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe que 20 empresas do sector de automoción, coordinadas por Ceaga, desenvolveron ou están a executar este ano investimentos que suman máis de 5 millóns de euros nos ámbitos da Industria 4.0, apoiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro das convocatorias para proxectos Piloto 4.0, o programa que apoia a incorporación das pemes galegas á industria intelixente e conectada.

Durante o encontro de traballo desenvolvido hoxe cos representantes de Ceaga, que coordina un dos proxectos gañadores da última convocatoria, e das nove empresas de automoción con proxectos aprobados e en desenvolvemento, Cividanes destacou que os investimentos tecnolóxicos e a incorporación de innovación son aspectos imprescindibles para consolidar o crecemento e a mellora da competitividade a medio e longo prazo.

A reunión do Igape con responsables de Ceaga e das empresas deste sector tivo un obxectivo dobre: coñecer os avances no desenvolvemento dos proxectos aprobados ao amparo da segunda edición do programa para proxectos piloto demostradores no ámbito da Industria 4.0, e achegar o asesoramento necesario para procurar que os investimentos acollidos a este programa pioneiro se leven a cabo de forma correcta.

As empresas auxiliares de automoción están adaptando as súas capacidades á Industria 4.0 incorporando innovación, máquinas intelixentes ou sensorización e robotización. A súa aposta pola mellora da competitividade foi clave para acadar un récord na exportación de compoñentes, un 21,6% máis, e para que o sector medrase o ano pasado un 4,3%, ata sumar 8680M€ de facturación, creando ao tempo preto de mil novos empregos.

Co mesmo obxectivo de avaliar os proxectos piloto en desenvolvemento, os responsables do Igape veñen de manter outro encontro de traballo con representantes de Asime e das 12 empresas dos sectores do metal e aeronáutico que están a investir no ámbito 4.0 co apoio da Xunta. Estas empresas, xunto coas da primeira convocatoria, suman proxectos por máis de catro millóns de euros que incorporan tecnoloxías baseadas na automatización ou na simulación industrial para mellorar os seus procesos produtivos.

Ao abeiro da liña para apoiar investimentos innovadores impulsada pola Xunta estanse desenvolvendo ademais, de acordo co previsto na Axenda Industria 4.0, investimentos en empresas dos sectores da madeira, alimentario ou naval, que se prevé participen en sucesivos talleres cos mesmos obxectivos, impulsar o desenvolvemento de proxectos demostradores que consoliden o camiño que está a seguir a industria galega.