Compartir

Compártao :

Un contedor de reciclaxe e a sede dunha empresa de enerxía son presentados en Malta como mostra de deseño en Galicia

Actualizado o: 15 abril 2018 12:31
Fonte de información: Xunta de Galicia

Os contedores BIG-BIN e a sede da empresa Norvento, casos de éxito do deseño en Galicia, foron presentados esta semana en Malta, Capital Europea da Cultura 2018, no marco do proxecto Interreg Europe Design4innovation

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), participa como socia nesta iniciativa, que ten como obxectivo integrar o deseño nas políticas innovadoras
 

La Valletta (Malta), 15 de abril de 2018.- Os proxectos BIG-BIN, unha gama de contedores producidos pola empresa Formato Verde (con sede en Pereiro de Aguiar, Ourense) e deseñados por Antonio Parcero e Alberto R. Montiel de FrutoDS; e a nova sede do Grupo Norvento, deseñada por Francisco J. Mangado Beloqui, de Mangado y Asociados, presentáronse esta semana na Cámara de Comercio de Malta no marco da exposición de deseño europeo organizada pola Fundación Valletta 2018. O evento enmárcase dentro das actividades do proxecto Interreg Europe Design4innovation no que participa como socia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

A exposición foi inaugurada pola directora da Fundación Valletta e congregou a deseñadores, pemes, representantes gubernamentais de Malta, xunto aos socios do proxecto. Como representación galega, ademais da Gain, como socia a través do CIS Galicia e do CIS Madeira, no evento participou a empresa Norvento para presentar a súa nova sede como caso de éxito de deseño. Xunto con este exemplo, presentouse tamén o proxecto BIG-BIN.

Os contedores BIG-BIN da empresa Formatoverde e deseñados por FrutoDS son innovadores tanto en estética como en funcionalidade: melloran a estética das cidades polo seu deseño, tendo en conta que é un dos elementos de mobiliario urbano máis numerosos, e polo seu gran tamaño de maior impacto; aumentan a robustez do produto, reducindo moito os custos de mantemento; incrementan as taxas de reciclaxe, ao aumentar a calidade percibida sobre o produto que representa os servizos de recollida e reciclado do lixo; ou facilitando a información dunha forma clara.

Pola súa banda, a nova sede central de Norvento representa a integración da arquitectura na paisaxe, sen materiais sofisticados nin arquitecturas complexas. En coherencia coa procura da proximidade ao bosque, a confortabilidade e a idea de Galicia empregouse a madeira como elemento fundamental para a construción dun edificio que ademais se deseñou para conseguir a máxima calidade enerxética.

Interreg Europe Design4innovation

O proxecto Design4innovation, do que é socia a Axencia Galega de Innovación, está financiado polo programa Interreg Europe e ten por obxectivo integrar o deseño nas políticas de innovación dos sete países europeos participantes. A través do intercambio de experiencias e boas prácticas entre os socios europeos participantes, elaborarase un Plan de Acción de Deseño (PAD) adaptado a cada unha das rexións que forman parte do proxecto. Neste senso, a Xunta xa está traballando na posta en marcha dun plan de impulso ao deseño como factor facilitador da innovación, que conecte a empresa co mercado.