Compartir

Compártao :

O presidente da Xunta coñeceu hoxe os proxectos das empresas que participan na segunda edición da Business Factory Auto

Feijóo salienta o carácter innovador e punteiro da aceleradora Business Factory Auto que contribúe a situar o sector na primeira liña da industria 4.0

Actualizado o: 14 marzo 2018 15:08
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

  • O presidente da Xunta coñeceu hoxe os proxectos das empresas que participan na segunda edición da Business Factory Auto
  • O presidente da Xunta coñeceu hoxe os proxectos das empresas que participan na segunda edición da Business Factory Auto
  • O presidente da Xunta coñeceu hoxe os proxectos das empresas que participan na segunda edición da Business Factory Auto
  • O presidente da Xunta coñeceu hoxe os proxectos das empresas que participan na segunda edición da Business Factory Auto

“Cada un dos proxectos que pasa por esta aceleradora está a contribuír a impulsar a súa cadea de valor”, di

Avanza os resultados dun estudo, en colaboración cos centros tecnolóxicos galegos, que constatan que ata o 70% das empresas da automoción teñen previsto instalar tecnoloxías dixitais

Asevera que na Business Factory Auto os emprendedores teñen o trampolín desde onde perfilar de maneira intensiva a súa idea de negocio

Di que esta aceleradora é posible grazas á implicación de toda a industria galega da automoción

Nigrán (Pontevedra), 14 de marzo de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o carácter innovador e punteiro da aceleradora Business Factory Auto e a súa contribución a situar o sector na primeira liña da Industria 4.0. “Cada un dos proxectos que pasa por esta aceleradora está a contribuír a impulsar a súa cadea de valor”, aseverou, lembrando, a modo de exemplo, o primeiro vehículo autónomo que percorreu as estradas españolas ou a consecución de proxectos como o K9 e o V20.

Durante unha visita á Business Factory Auto, Feijóo avanzou tamén os resultados dun estudo, en colaboración cos centros tecnolóxicos galegos e que se presentará mañá xoves no Consello, que constatan que as empresas do sector teñen moi asumido o reto da Industria 4.0. Non en van, e segundo o documento, ata o 70% delas prevén instalar tecnoloxías dixitais. “Hoxe, en definitiva, acabamos de comprobar que un sector que en Galicia ocupa o 12% do emprego industrial, factura o equivalente ao 14% do PIB ou representa o 16% da produción total de vehículos en España, ten como obxectivo liderar os avances da Industria 4.0 en Galicia, coas achegas de plataformas como a Business Factory Auto”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse aos proxectos que se están a desenvolver na segunda convocatoria desta aceleradora de empresas, así como ao talento e á creatividade das start-ups que promoven estes proxectos destinados, entre outros aspectos, a mellorar o vehículo eléctrico ou conectado, a detectar aparcamentos libres ou a mellorar a loxística e os controis de calidade nas fábricas a través da robótica.

O responsable do Executivo autonómico aseverou que nela os emprendedores teñen o trampolín desde onde perfilar de maneira intensiva a súa idea de negocio. “Aquí atopan un equipo de mentores que achegan asesoramento e experiencia para que os seus proxectos teñan unha maior garantía de éxito cando saian ao mercado”, dixo, ao que engadiu que a Business Factory Auto é unha das plataformas nas que máis inviste a Xunta: o 80% dun investimento total de máis de 10 millóns de euros para chegar a mobilizar preto de 20 millóns ata 2020.

Nesta mesma liña, precisou que esta aceleradora é posible grazas á implicación de toda a industria galega da automoción. E, ao respecto, quixo agradecer ao Consorcio Zona Franca de Vigo, a CEAGA, ao CTAG e a PSA a súa colaboración activa nesta iniciativa, incidindo en que grazas a este esforzo colectivo é posible estar falando hoxe dos 39 proxectos que se presentaron a esta segunda convocatoria, das 9 empresas que se constituíron na primeira edición e de que 3 delas fosen seleccionadas por PSA como mellores start-ups a nivel mundial.

Vídeos adxuntos