Compartir

Compártao :

Os alumnos do obradoiro de Touro e O Pino seguen a formarse en xardinaría e viveiros mentres melloran os seus concellos

Actualizado o: 08 marzo 2018 13:59
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Ulla-Tambre I
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Ulla-Tambre I
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Ulla-Tambre I
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Ulla-Tambre I

Logo de cinco meses xa completaron boa parte da ducia de intervencións en diferentes espazos naturais e áreas recreativas dos dous concellos promotores

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos participantes e animounos a aproveitar a oportunidade que ofrece a iniciativa, que financia a Xunta
 

Touro (A Coruña), 8 de marzo de 2018.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Ulla-Tambre I, promovido polos municipios de Touro e O Pino, cun investimento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 280.000 euros, e que cumpre o seu ecuador formando a 20 desempregados dos dous concellos. Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes, Ignacio Codesido e Manuel Taboada. O encontro celebrouse na Casa da Cultura de Touro.

Os alumnos-traballadores están a recibir formación en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. Dentro das actuacións que se están a levar a cabo no concello de Touro inclúense o mantemento e axardinamento nos xardíns do Concello en Fonte Díaz, a posta en funcionamento con produción de planta no invernadoiro municipal, o mantemento da área recreativa de Santaia, ou da área recreativa de Brandelos. No Pino, acondicionarase a área recreativa da Magdalena, da carballeira de Gradamil, do campo da festa de Pastor, da área recreativa fluvial do río Tambre, do campo da festa de Gonzar, da área recreativa Ponte da Pedra, da área de descanso en Lengüelle e do campo da festa de San Miguel de Cerceda.

Ulla-Tambre I está financiado pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria, e o seu equipo docente está composto por unha directora, catro docentes e un auxiliar administrativo. Está dotado cun investimento de 280.000 euros e está previsto que conclúa o 28 de xuño de 2018. Ao remate do curso, os alumnos-traballadores recibirán un certificado de capacitación profesional con validez en todo o Estado que lles habilita para empregarse nas especialidades nas que se formarán durante os vindeiros nove meses.

Ovidio Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logredes reincorporarvos ao mercado laboral”. “Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros os beneficiarios tendes un contrato laboral”. Salientou a importancia da colaboración entre os concellos “para xerar oportunidades na loita polo desemprego, unha tarefa na que estes dous alcaldes están a dar unha lección de entendemento e posta da política ao servizo dos cidadáns”.

O delegado tamén sinalou que “os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade”, e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos. “Aproveitade esta oportunidade porque hai moita xente pendente do que sexades capaces de conseguir”, rematou Ovidio Rodeiro.

Na provincia da Coruña están actualmente en marcha 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas investiranse en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia.

Estes obradoiros permiten que un total de 440 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas de 59 municipios. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.