Compartir

Compártao :

A Xunta inicia a tramitación para a autorización do centro comercial Vialia en Vigo

Actualizado o: 13 febreiro 2018 14:58
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza con responsables de Adif e de Immochan

A Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese impulsada polo Goberno galego permitirá unificar nun único procedemento todas as autorizacións autonómicas necesarias para a posta en marcha tanto da estación intermodal como do centro comercial que albergará
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2018.- A Xunta inicia hoxe a tramitación para a Autorización Comercial Autonómica (ACA) da superficie comercial que albergará a futura estación intermodal de Urzáiz, en Vigo. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza con responsables de Adif Alta Velocidad e de Immochan na que lle presentaron a solicitude de autorización para o establecemento comercial que formará parte do Centro Vialia deseñado por Thom Mayne para a cidade viguesa.

Na reunión, Vázquez Abeal explicou que a autorización tramitarase no marco da Lei 3/2016 de proxectos de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese aprobada polo Goberno galego, que permite desenvolver as iniciativas máis relevantes para a cidade de Vigo mentres non se aproba un novo plan xeral. Esta normativa, impulsada pola Administración autonómica, tras a anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, está a evitar, polo tanto, que os proxectos estratéxicos da cidade queden bloqueados.

Esta normativa permite unificar nun único procedemento todas as autorizacións autonómicas necesarias para poñer en marcha tanto a estación intermodal como a superficie comercial. Será polo tanto unha autorización única, o que, en palabras da directora xeral de Comercio e Consumo, permite unha maior axilidade e simplificación administrativa para a posta en marcha de proxectos.

Un dos plans estratéxicos para Vigo é o complexo da estación intermodal de Urzaiz, que comprende a actual terminal de ferrocarril, a futura estación de autobuses integrada e o Centro Vialia. A Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento, a través do Adif, integraron o conxunto nun único proxecto para a súa tramitación na Xunta de Galicia a través da Lei 3/2016, coa fin de obter a autorización urbanística necesaria para a súa execución.