Compartir

Compártao :

A Xunta apoia o programa integrado Máis emprego II de Cuntis, Caldas e Portas no que se formarán 85 persoas sen traballo

Actualizado o: 09 febreiro 2018 13:06
Fonte de información: Xunta de Galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe en Cuntis á presentación deste plan

A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste nesta actuación máis de 200.000 euros e prevé a inserción laboral do 40% dos seus participantes

A Xunta apoia este ano a máis de 4.000 desempregados a través de 52 programas integrados nos que por primeira vez se inclúen accións específicas para mulleres

Marnotes explica que os programas integrados céntranse en incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da especialización e a posta en marcha de medidas que combinan orientación e asesoramento con formación e prácticas
 

Cuntis (Pontevedra), 9 de febreiro de 2018.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe en Cuntis á presentación do programa integrado Máis emprego II que desenvolve en colaboración coa Xunta os concellos de Cuntis, Caldas e Portas para incrementar as oportunidades laborais de 85 persoas desempregadas. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de 200.000 euros nesta actuación coa que prevé que un 40% dos participantes acaden a inserción no mercado de traballo.

Os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais. No caso de Máis Emprego II, os alumnos e alumnas levan a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolven accións específicas de formación nas seguintes especialidades: operario de fábrica e almacén; carretilleiro; camareira de pisos; soldadura; ofimática; Internet; atención ao público; operacións básicas en restauración; atención hixiénico-alimentario en institucións; ou mantedor de edificios.

A Xunta este ano está poñendo en marcha en Galicia 52 plans integrados de emprego nos que está a investir 9,5 millóns de euros, un 40% máis que na pasada edición, para incrementar as oportunidades laborais de 4.420 persoas sen emprego, 985 máis que na convocatoria anterior.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe por primeira vez a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación que permite activar unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo. 765 mulleres participarán en plans específicos para elas.

Dos 52 programas integrados, un total de 25 terán lugar en concellos e os 27 restantes en entidades sen ánimo de lucro. Como novidade este ano, a Xunta primou a aqueles proxectos nos que está implicado o tecido empresarial de cada zona co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca.

Marnotes destacou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. Neste senso, puxo en valor a cooperación entre a Xunta e as administracións locais para apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.