Compartir

Compártao :

A Xunta impulsa en Silleda a actividade comercial a través do apoio ao novo espazo activo de emprendemento no rural

Actualizado o: 17 xaneiro 2018 13:19
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a iniciativa, emprazada na parroquia de Cira, que contou cunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 70.000 euros

A Xunta apoiou nos dous últimos anos con preto de 950.000 euros a posta en marcha de 18 Espazos activos de emprendemento comercial, xerando un investimento de máis de 1,3 millóns de euros

O programa é unhas das medidas do Plan de formación e emprendemento no rural ao que a Xunta destinou este ano 30 millóns de euros
 

Silleda (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2018.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o Espazo activo de emprendemento comercial de Silleda, ubicado no edificio da antiga escola unitaria da parroquia de Cira, onde destacou a importancia de apoiar estas iniciativas coas que se impulsa a actividade comercial da localidade.

En concreto, a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinou preto de 70.000 euros a esta actuación para apoiar ao Concello de Silleda na adecuación destas instalacións nas que os emprendedores poidan exercer neles a súa actividade. O departamento autonómico, para iso, financia tanto as obras de adecuación como o equipamento e mobiliario para o seu funcionamento.

O respaldo aos novos locais enmárcase no programa de impulso aos Espazos activos de emprendemento comercial no rural, un programa de axudas a través do que o Goberno galego financia ata o 70% das obras de mellora cun máximo de 70.000 euros por proxecto.

Ao abeiro deste programa creáronse 18 espazos activos de emprendemento comercial no rural, que contaron no 2017 cun apoio de preto de 515.000 euros e de preto de 427.000 euros no 2016, xerando un investimento total de máis de 1,3 millóns de euros: ao Espazo activo de Silleda súmanse outros seis na provincia de Pontevedra (As Neves, Mondariz, O Grove, Cambados, Porriño e Tomiño), cinco existentes en Lugo (O Vicedo, Cervo, Portomarín e Mondoñedo) cinco en Ourense (Bande, Barco de Valdeorras, Vilamarín e A Veiga) e un na Coruña (Moeche).

A iniciativa dos Espazos activos de emprendemento comercial no rural enmárcase na aposta da Xunta por fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes cun programa de formación e emprendemento nestas áreas que conta cun investimento de máis de 30 millóns de euros.