Compartir

Compártao :

A Xunta colabora coas federacións de comerciantes con preto de 500.000 euros para a dinamización do sector

Actualizado o: 20 agosto 2017 11:49
Fonte de información: Xunta de Galicia

Un total de 16 federacións e asociacións comerciais de ámbito superior ao municipal beneficiaranse destas axudas

Os apoios permitirán revitalizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo

O respaldo ao asociacionismo no sector é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia
 

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede preto de 500.000 euros para o programa destinado ás federacións e asociacións comerciais de ámbito superior ao municipal, da que se beneficiarán un total de 16 entidades.

As beneficiarias obterán axudas de ata 49.000 euros e o 70% do investimento subvencionable a través do tícket de dinamización comercial. O obxectivo é apoiar a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través de campañas de dinamización para a promoción das vendas.

Estes apoios súmanse ás axudas concedidas ás asociacións de comerciantes para a dinamización de 51 centros comercias abertos e a 28 agrupacións de praceiros que desenvolverán preto de 700 actuacións en toda Galicia. Neste caso a Xunta colabora con preto de 2 millóns de euros.

O respaldo ao asociacionismo comercial é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.