Compartir

Compártao :

A cuarta convocatoria das axudas do ReAcciona TIC facilitan o acceso de máis de 70 pemes a servizos de dixitalización empresarial

Actualizado o: 19 agosto 2017 12:38
Fonte de información: Xunta de Galicia

O programa da Xunta, enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020, está orientado a facilitar a mellora da competitividade e a transformación dixital das empresas a través de diferentes servizos tecnolóxicos e vinculados á Industria 4.0

O Goberno galego desenvolve a Axenda Galicia-Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 que buscan unha maior presenza das TIC nas empresas galegas
 

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da cuarta convocatoria das axudas para os servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Empresa Dixital e Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas dentro do programa ReAcciona TIC, impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Amtega. A través desta convocatoria un total de 71 pemes tiveron acceso a servizos de dixitalización empresarial.

A iniciativa está deseñada para impulsar a mellora da competitividade e a transformación dixital das empresas a través de diferentes servizos tecnolóxicos e de Industria 4.0. No eido da empresa dixital, o Programa ReAcciona TIC ofrece servizos de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, así como, servizos de soporte á implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión empresarial ou de marketing dixital.

Con estes servizos tecnolóxicos, a Xunta busca contribuír a mellorar o futuro das empresas galegas mediante o achegamento de novas competencias e a incorporación de tecnoloxías que permitan ás empresas gozar de vantaxes competitivas, da man dunha rede de axentes colaboradores especializados, integrada por empresas especializadas, que as asesoran e acompañan en todo o proceso.

ReAcciona TIC ofrece tamén un catalogo de solucións para impulsar a Empresa 4.0 con servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.

O catálogo completo de servizos ofrecidos no programa está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.

A posta en marcha deste programa enmárcase nun convenio de colaboración, asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), co que a Xunta suma esforzos e recursos para impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia para desenvolver actuacións de impulso á empresa dixital e a industria 4.0.

Este acordo reforza a aposta da Xunta de Galicia pola incorporación efectiva e continua das solucións 4.0 e das TIC en xeral nos sectores produtivos da Comunidade. Esta actuación enmárcase no establecido na Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que fixa como obxectivo a Aceleración da Economía Dixital como un factor de relevancia para impulsar o crecemento económico na Comunidade.

Para apoiar a innovación e o desenvolvemento do sector TIC, a Xunta conta, ademais, coa a Axenda Galicia-Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 que, cun balance satisfactorio nos seus primeiros anos de vixencia, buscan conseguir unha maior presenza das TIC nas empresas galegas.

Por outra banda, é preciso lembrar que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova convocatoria do programa ReAcciona, unha iniciativa pioneira do Goberno galego que nos últimos catro anos xa impulsou a competitividade de 850 empresas a través de 1400 proxectos de mellora.

A nova edición do programa, dotada con dous millóns de euros, permitirá desenvolver preto de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e a posta en marcha de plans estratéxicos de futuro nas empresas galegas ata 2018. A presentación de solicitudes está aberta ata o 15 de setembro. A continuación activaranse novas convocatorias en novembro e decembro deste ano e en febreiro e maio de 2018.