Compartir

Compártao :

A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para impulsar o emprego de calidade nas empresas innovadoras de base tecnolóxica

Actualizado o: 13 agosto 2017 12:00
Fonte de información: Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases deste programa de apoio ás Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) para fomentar o espírito innovador e emprendedor entre os investigadores e universitarios

As axudas de Economía, Emprego e Industria oscilarán entre 6.000 e 24.000 euros para que as empresas cualificadas como IEBT podan materializar o seu proxecto

Esta iniciativa, á que se destinan máis de 720.000 euros, enmárcase na Axenda 20 para o Emprego coa que se está estimulando a estabilidade no mercado laboral

A Axenda Galicia-Industria 4.0 da Xunta está a apoiar proxectos innovadores, de vangarda, para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial
 

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2017.- A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude (remata o 2 de outubro) para acceder ás axudas de fomento do emprego estable e de calidade nas empresas innovadoras de base tecnolóxica, incluídos os autónomos. O programa de apoio para as Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), que vén de publicarse no DOG, está encamiñado a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico. Para iso, as Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica poderán recibir entre 6.000 e 24.000 euros de apoios da Administración autonómica.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á que se destinan máis de 720.000 euros, inclúe axudas específicas para a creación de empresas e postos de traballo neste ámbito. Esta actuación do Goberno galego enmárcase tanto na súa planificación en materia laboral, a Axenda 20 para o Emprego, como na Axenda Galicia-Industria 4.0 coa que se apoian proxectos innovadores para dar resposta ás necesidades actuais do tecido empresarial galego.

Este programa inclúe tres tipos de axudas das que se poderán beneficiar as contratacións ou proxectos realizados entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017 e sempre que as empresas estean constituídas ou inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial sexa cualificado como IEBT.

Existen tres liñas de axudas. Para a creación directa de emprego estable de carácter indefinido, incluído os dos propios promotores da iniciativa, concederanse apoios desde 6.000 e ata 10.000 euros, en función da titulación das persoas contratadas, que se poderán incrementar nun 25% se a persoa contratada é muller, con discapacidade, pertence a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro e no caso de que o posto de traballo estea emprazado no rural, podendo alcanzar así os 20.000 euros. É requisito para poder ser beneficiario desta axuda que o cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo, nun 25% por persoas con titulación universitaria.


A segunda tipoloxía é para apoiar para a contratación de persoal técnico de alta cualificación que terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros. O período subvencionable será como máximo dun ano e para acceder á axuda o experto técnico de alta cualificación contratado deberá contar cun título universitario.

E, a terceira liña de financiamento é para a posta en marcha do proxecto empresarial con axudas dun máximo de ata 24.000 euros en función dos empregos estables e financiados durante o primeiro ano de actividade.

O obxectivo principal deste programa é, en definitiva, dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías, así como impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

A creación de emprego estable e de calidade é o obxectivo fundamental da planificación do Goberno galego en materia laboral. A Axenda 20 para o Emprego pretende ata 2020 a creación de, polo menos, 80.000 novos postos de traballo e reducir a taxa de paro ata o 10%.