Compartir

Compártao :

A Xunta salienta en Cambados o papel dos centros comerciais abertos na dinamización do comercio de proximidade

Actualizado o: 12 agosto 2017 13:32
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, lembra na inauguración da feira de oportunidades da localidade pontevedresa o impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria á modernización e a competitividade do sector

Destaca o apoio do Goberno galego ao asociacionismo dentro do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia

A Consellería vén de conceder axudas por 40.000 euros para Cambados Zona Centro e máis de 9600 para a asociación de comerciantes da praza de abastos
 

Cambados (Pontevedra), 12 de agosto de 2017.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou esta mañá na inauguración da feira de oportunidades de Cambados, organizada pola Asociación Cambados Zona Centro, a importante labor que desempeñan os centros comerciais abertos na dinamización do comercio de proximidade, e salientou a implicación dos comerciantes en iniciativas como a que estes días se celebra na localidade pontevedresa.

Vázquez Abeal remarcou o esforzo da Xunta por modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego a través do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

Dentro desta estratexia, destacou o respaldo ao asociacionismo comercial, subliñando que se veñen de resolver as axudas do programa de apoio ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos. Dentro desta convocatoria resultaron beneficiarios tanto a Asociación Cambados Zona Centro, que obtivo 40.000 euros, como a asociación de comerciantes da praza de abastos, cunha axuda de máis de 9.600 euros.