Compartir

Compártao :

A Xunta apoia a instalación de caldeiras de biomasa en máis de 950 fogares galegos que aforrarán 800.000 euros ao ano

Actualizado o: 17 xullo 2017 14:05
Fonte de información: Xunta de Galicia

A Xunta destina preto de 3 millóns de euros a estas axudas que mobilizarán arredor de 6,4 millóns no sector

Os apoios enmárcanse dentro da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa que busca fomentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxías convencionais, ao tempo que se impulsa a industria asociada e se mellora a xestión e o rendemento sustentable dos montes galegos

As axudas tamén forman parte do Plan Vivenda 2017 ao que o Goberno galego adica 8,8 millóns de euros

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia apoia a instalación de caldeiras de biomasa en máis de 950 fogares galegos a través das axudas para a creación, mellora e ampliación de equipamentos térmicos de biomasa. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria. Os particulares aos que se lles concederon estes apoios poderán aforrar, en conxunto, 800.000 euros na súa factura enerxética anual e máis de 2 millóns de litros de gasóleo coa correspondente redución de emisións de 6.000 toneladas de CO2 ao ano.

Esta axudas, ás que se destinan 2,87 millóns de euros e que se prevé que mobilicen 6,4 millóns, enmárcanse na Estratexia Integral de Impulso á Biomasa con fins térmicos. A Xunta busca fomentar a eficiencia e diminuír o consumo de enerxías convencionais para reducir a dependencia enerxética do exterior, ao tempo que se impulsa a industria asociada e se mellora a xestión e o rendemento sustentable dos montes galegos.

Cofinanciados con fondos Feader, os apoios céntranse no rural. Entre os criterios de valoración tivéronse en conta os equipos máis eficientes e o uso da instalación, pero tamén a localización xeográfica.

Estes apoios inclúense no Plan de Vivenda 2017, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para mellorar o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos a través de apoios para a renovación de fiestras, ascensores e instalacións eléctricas, así como para a implantación doutros equipamentos que usan enerxías renovables como xeotermia, aerotermia ou solar térmica, ademais do plan de autoconsumo ou a renovación de fachadas e cubertas con lousa, tella cerámica e granito. En total, a Xunta inviste neste plan 8,8 millóns de euros, fronte aos case 7,9 millóns do ano pasado.

Instalación de 4.000 caldeiras

As axudas para proxectos de biomasa dirixidas a particulares, xunto coas dirixidas a empresas e administracións, as axudas para impulsar proxectos singulares de redes de distribución de calor con biomasa (district heating) e as dirixidas ao sector agroalimentario, forman parte da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, que promove o uso deste combustible con fins térmicos para impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecer a economía familiar e das pemes, xerar emprego cualificado e mellorar a calidade de vida da cidadanía. Coa activación de todas estas axudas, ao remate de 2017 levarase apoiado a instalación de máis de 4.000 caldeiras de biomasa en fogares, administracións e empresas galegas desde a posta en marcha da Estratexia en 2014.

Estes apoios impulsan o sector da biomasa térmica como combustible autóctono, renovable e respectuoso co medio ambiente, e súmanse a outros proxectos promovidos desde a propia Administración galega, como a rede de subministración de enerxía térmica xerada con biomasa -district heating- no complexo administrativo de San Caetano, que entrou en funcionamento en decembro; o impulso do uso da biomasa no Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través do Programa EcoHospital, ou as actuacións realizadas en varios edificios xudiciais da Xunta de Galicia.

O Goberno galego tamén puxo en marcha o Foro da Biomasa, e conta co Observatorio da Biomasa, un portal web (www.observatoriobiomasa.gal) no que se realiza un seguimento da actividade dos axentes que forman parte deste sector en Galicia co obxectivo principal de impulsar o seu desenvolvemento e modernización con fins enerxéticos.