Compartir

Compártao :

Na entrega dos Premios RSE 2016

Conde sinala que a responsabilidade social empresarial é clave para mellorar a competitividade e fortalecer a economía

Actualizado o: 11 xullo 2017 21:03
Fonte de información: Xunta de Galicia
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salienta en Santiago a aposta do Goberno galego por un modelo económico sustentable

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salienta en Santiago a aposta do Goberno galego por un modelo económico sustentable

Os galardoados son, na categoría de grande empresa, Entrepinares, Abanca e PSA Peugeot-Citröen; na mediana empresa, M. Caeiro, o Real Club Deportivo e Pescados Rubén; e na pequena empresa, Casa Grande de Xanceda, Metal Ferrol, Revertia Reusing and Recycling, e Promove Consultoría e Formación

Recibiron mencións Ledisson A&IT no eido social e Trameve no ambiental

Conde destaca a importancia dun “verdadeiro compromiso” coa economía verde e responsable e apunta que o Goberno galego activará proximamente a nova Estratexia Galega de RSE 2017-2020 para favorecer que os traballadores desempeñen o seu labor nas mellores condicións
 
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Santiago, na entrega dos Premios RSE 2016 -a segunda edición destes galardóns que convoca a Xunta- que a Responsabilidade Social Empresarial é clave para a mellora da competitividade do tecido produtivo destacando a importancia de fortalecer a economía galega a través dun modelo sustentable.

Nesta edición os premiados na categoría de grande empresa foron a queixería Entrepinares de Vilalba (eido social), Abanca (ambiental) e PSA Peugeot-Citröen (conciliación e igualdade); en mediana empresa, M.Caeiro de Santiago, o Real Club Deportivo da Coruña e Pescados Rubén de Foz; e na pequena empresa, Casa Grande de Xanceda de Mesía (social), Metal Ferrol de Narón (económico), Revertia Reusing and Recycling do Porriño (ambiental) e Promove Consultoría e Formación (conciliación). Recibiron, ademais, unha mención Ledisson A&IT do Porriño no eido social e Trameve de Santiago no ambiental.

O titular de Economía afirmou que o principal obxectivo do Goberno galego é seguir avanzando no camiño da recuperación económica con políticas socialmente responsables, apelando á importancia de que Xunta e interlocutores sociais identifiquen espazos de encontro no marco do diálogo social e asegurando que a competitividade das empresas crecerá se existe “un verdadeiro compromiso” coa economía verde e responsable.

En palabras de Conde, está demostrado que o éxito empresarial está vinculado a comportamentos socialmente responsables e, por iso, explicou que a Xunta está traballando para difundir a RSE entre as empresas galegas con diversas ferramentas como son estes galardóns cos que o Goberno galego recoñece o labor das compañías nos ámbitos social, económico, ambiental e de conciliación e igualdade.

O titular de Economía apuntou que o reto da Xunta neste ámbito céntrase en axudar ás pequenas e medianas empresas a implantar unha xestión baseada en comportamentos responsables co obxectivo de que o tecido produtivo de Galicia sexa máis competitivo e máis comprometido co entorno e para favorecer que os traballadores desempeñen o seu labor nas mellores condicións.

A nova folla de ruta

Así, indicou que proximamente aprobarase a Estratexia Galega de RSE 2017-2020 coa que se pretende dotar á Comunidade dunha ferramenta para afrontar con éxito os desafíos actuais en RSE garantindo a saúde e o benestar dos traballadores, unha xestión eficiente dos recursos enerxéticos e a procura dunha sociedade inclusiva que integre perfís diversos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria conta tamén nesta materia con axudas e incentivos dirixidas a pemes, micropemes e autónomos para implantar sistemas de xestión de RSE, políticas encamiñadas a favorecer a igualdade no traballo e adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral, e dispón de ferramentas para a divulgación e orientación da Responsabilidade Social Empresarial como o programa Responsabilízate, de asesoría gratuíta personalizada.

Así mesmo, Galicia lidera xunto con Castela e León, Estremadura e as rexións do norte luso o proxecto Gemcat (Xeración de emprego de calidade transfronteirizo) cos obxectivos específicos de elaborar unha Axenda de RSE transfronteiriza na que se recollan boas prácticas e a creación dun programa para a inclusión de RSE nas pemes. O que se pretende é mellorar a eficiencia das políticas públicas para crear e manter o emprego de calidade a través de comportamentos responsables.

Por último, lembrou que a Administración autonómica vén de renovar coas grandes empresas o compromiso de situar a Galicia nun referente en responsabilidade social. Trátase do Grupo de Representación Empresarial Galego en RSE, formando por 13 empresas, que levan, coa colaboración da Xunta, as súas experiencias ás pequenas e medianas empresas.

Os premiados

Na categoría de grande empresa gañaron a queixería Entrepinares no eido social polo seu emprego de calidade, a formación continua dos traballadores e os programas de desenvolvemento persoal individualizado. A integración laboral das persoas con discapacidade é un dos obxectivos desta firma; Abanca, no eido ambiental, polo seu plan de ecoeficiencia para reducir o consumo de enerxía, auga e outros recursos naturais e por achegar aos seus empregados o coidado da natureza; e PSA Peugeot-Citröen, no ámbito da conciliación, polo seu traballo a prol da igualdade de xénero, fomentando a promoción interna en niveis onde as mulleres contan con menos representación, e pola reorganización de espazos e recursos para atender a traballadoras embarazadas.

No caso da mediana empresa, obtiveron un galardón Caeiro, nos eidos social e ambiental, xa que un 95% dos seus contratos son indefinidos e entre as súas medidas resaltan a redución do impacto ambiental e as actuacións de ecoeficiencia no consumo de enerxía; o Real Club Deportivo polas súas accións solidarias e o seu código ético e de boas prácticas; e Pescados Rubén, no eido da conciliación, pola implantación de medidas como o uso do tempo, recursos para o coidado doutras persoas ou a importante presenza das mulleres, incluíndo os órganos de goberno.

Na categoría de pequena empresa, foron premiadas Metal Ferrol, no eido económico, por integrar os principios do goberno responsable para velar pola aplicación efectiva dos seus programas en materia de RSE; Casa Grande de Xanceda, no ámbito social, pola formación continua, a procura de igualdade de oportunidades e os programas de emprendemento para loiar contra o despoboamento do rural galego; Promove Consultoría e Formación, no eido da conciliación, xa que as súas catro socias apostan pola flexibilidade e polo teletraballo; e Revertia Reusing & Recycling, no ámbito ambiental, polo seu compromiso co medio e a súa aposta pola economía circular doando os seus ordenadores e outros compoñentes informáticos a entidades do terceiro sector.

Ledisson A&IT recibiu unha mención no ámbito social pola súa aposta polo talento, o emprego de calidade e a formación dos seus traballadores; e Tratamento Medioambiental de Vehículos (Trameve), no eido ambiental, pola súa promoción dun consumo responsable apostando pola reutilización das pezas válidas.